Caballero advirte de que a Xunta será a “única culpable” se a ampliación do Ifevi non chega para Conxemar
Abel Caballero advertiu unha vez máis de que se a ampliación do Ifevi non está lista para a próxima edición de Conxemar, a única culpable será a Xunta de Galicia dado que poido ter iniciado hai dous meses o proceso de licitación das obras -condicionado á disposición do solo -. De telo feito así, os traballos poderían comezar ao día seguinte do acto de levantamento de actas previas á ocupación para a expropiación dos bens e dereitos, convocado para o 11 de decembro polo Concello de Vigo.
O BOP publicou hoxe luns o levantamento de actas previas á ocupación para a expropiación dos bens e dereitos precisos para executar o proxecto de ampliación das instalacións do Ifevi. Prosegue, deste xeito, o proceso expropiatorio que comezou xa o 27 de novembro cando a Xerencia de Urbanismo ditou unha resolución para convocar aos titulares dos dereitos e bens afectados. Tras este acto, que será o venres 11 de decembro (entre as 10,00 e as 13,00 h), poderá ocuparse o solo.
Tal e como explicou o rexedor, o Concello axiliza ao máximo a tramitación que lle corresponde dado os xustos que van os prazos para que esta ampliación sexa realidade na seguinte edición de Conxemar. Pola contra, a Xunta podería ter comezado o proceso de licitación -condicionado á disposición dos terreos -o que permitiría adxudicar a obra ao día seguinte ao ter o solo dispoñible, é dicir, o día 12 de decembro. En cambio, agora o inicio dos traballos demorarse outros dous ou tres meses. “Se a ampliación do Ifevi non está lista para a próxima edición de Conxemar non haberá máis culpable que a Xunta de Galicia”, criticou.