Escoitar

O goberno municipal subvenciona a iluminación de edificios históricos da cidade

O alcalde avanzou que a Xerencia de Urbanismo aprobará mañá martes as bases e a convocatoria das axudas ás que poden optar ata 300 inmobles catalogados co grao de protección monumental, integral e estrutural e que terán un importe de 30.000 euros.

luns, 16 nov 2020

“Queremos que as fachadas dos edificios destaquen da forma na que convén” sinalou Abel Caballero ao anunciar a aprobación destas axudas no vindeiro Consello da Xerencia de Urbanismo, que se celebra mañá martes.

O Concello quere fomentar a iluminación das fachadas dos inmobles históricos de Vigo co fin de poñer en valor o ámbito artístico das edificacións e resaltalas arquitectonicamente de xeito que poida gozalas a cidade e tamén “polo que significa para a atracción do turismo”.

O alcalde declarou que son arredor de 300 edificios os que poderán optar a esta subvención municipal para a que se destina un total de 30.000 euros “que se irán ampliando en anos ulteriores”. Os inmobles deben estar catalogados co grao de protección Monumental, Integral e Estrutural.