O goberno de Vigo contrata persoal para garantir o protocolo Covid no Nadal
Por 41.000 euros, a contratación da supervisión e apoio fronte ao coronavirus pasou pola Xunta de Goberno Local. Os traballadores atenderán á cidadanía na rúa, supervisarán as medidas sanitarias e controlarán os accesos ás zonas delimitadas. O alcalde quere que o acendido da iluminación coincida coa apertura da hostalería.
A Xunta de Goberno Local, reunida onte xoves, aprobou a contratación por procedemento urxente dos servizos de supervisión e apoio loxístico fronte ao Covid-19 no ámbito da programación deste Nadal. Segundo explicou Abel Caballero este venres en rolda de prensa, o Concello reserva algo máis de 41.000 euros para que traballadores velen polo cumprimento do protocolo de medidas contra o Covid-19 elaborado polo Concello, seguindo as recomendacións do Ministerio de Sanidade.
Entre as súas funcións, os empregados atenderán á cidadanía en relación coa aplicación do protocolo, supervisarán a axeitada implantación das medidas hixiénico-sanitarias en rúas e zonas ornamentadas e prestarán apoio loxístico nos principais eventos, como por exemplo o control de accesos a espazos delimitados ou na instalación de dispensadores de xel hidroalcohólico.
O goberno de Vigo engade así unha nova medida coa que intentar garantir un Nadal “mil por cen seguro”, en verbas do alcalde, e que se suma ao plan de autoprotección e ao protocolo de accións elaborado tendo en conta o documento de “Recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade polo Covid-19 en España”, redactado polo Ministerio de Sanidade.
O Concello prevé pechar algunhas rúas céntricas da cidade -singularmente Policarpo Sanz, onde este ano se erixe a árbore de Nadal polas obras na Porta do Sol- e controlar o aforo con cámaras para previr contaxios. Xunto a efectivos da Policía Local e Protección Civil, os traballadores contratados se encargarán dos accesos e saídas, seguindo o modelo utilizado en Vigo para as festas de verán.
Caballero considera que viviremos un Nadal “con restricións” pola pandemia máis apela á “ilusión dos nenos e das nenas”, en particular co alumeado. Ao respecto, o alcalde avanzou que prevé acordar a data do acendido coa hostalería e co comercio local, unha vez estea concluída a instalación, para facelo coincidir “se é posible” coa apertura de cafeterías e restaurantes.
Outros acordos
Na mesma comparecencia de prensa, o alcalde deu conta doutros acordos adoptados pola Xunta de Goberno Local, entre os que destacou o nomeamento interino de dous auxiliares administrativos que se adscriben ao servizo de Benestar. “Para a importantísima política social que estamos a aplicar, necesitamos máis persoal e é o que acabamos de contratar”, asegurou Caballero, quen avanzou que “o orzamento de Política Social do ano 2021 será o máis alto que houbo nunca na historia da cidade de Vigo, e se é preciso aumentarémolo aínda máis, porque non vai haber ningunha limitación á política social nesta cidade”.
En segundo lugar, informou da aprobación do convenio marco coa Diócese Tui-Vigo para contribuír ao mantemento, conservación, restauración, difusión e divulgación do patrimonio cultural de titularidade eclesiástica na cidade. Caballero explicou que o acordo global pretende ademais a celebración de actividades culturais para fomentar o seu coñecemento. Unha comisión formada polas dúas partes avaliarán e acordarán as actuacións, que estarán limitadas a partidas orzamentarias dotadas de 150.000 euros nas contas deste ano e de 175.000 euros nas presentadas para o ano 2021.
“A Diócese de Tui-Vigo ten un importantísimo patrimonio, que é patrimonio da cidade, con independencia de quen sexa o seu propietario, e o nivel de recursos que a Igrexa ten para a súa conservación non sempre é o axeitado; e nós non queremos que se produza ningún deterioro do patrimonio histórico e cultural da cidade”, afirmou o alcalde.