O Concello entrega 43.000 máscaras a colectivos vulnerables ou en risco social
O Concello de Vigo prosegue co reparto das 75.000 máscaras hixiénicas que vén de recibir do Goberno central e das que xa entregou 6.000 esta fin de semana en diferentes mercados municipais. En próximos días proseguirá o reparto en distintas zonas da cidade, ademais de reservar 10.000 unidades para os nenos e nenas que volverán ás Escolas Deportivas tan pronto como se poida retomar o programa.
O goberno de Vigo destinará 43.000 das 75.000 máscaras hixiénicas que está a repartir a colectivos vulnerables ou en risco de exclusión. Xa foron remitidas ás ducias de entidades sociais que colaboran co Concello: ONG, comedores sociais, CEDRO ou o propio albergue municipal de Marqués de Valterra. Os usuarios dos servizos sociais do Concello que acudan ás Unidades de Traballo Social tamén recibirán máscaras de protección facial.
Tal como explicou o rexedor, esta pasada fin de semana xa se entregaron 6.000 unidades nos mercados de Cabral, do Calvario, do Progreso e das Travesas, un reparto que seguirá o próximo sábado nas instalacións municipais de Teis, Bouzas e o Berbés. Ademais, xa hai outras 5.000 máscaras dispoñibles nos centros municipais de distrito, ás que se sumarán outras 9.000 que serán repartidas polas asociacións de veciños das parroquias do rural.
Ademais, os nenos e nenas das Escolas Deportivas Municipais serán os destinatarios doutras 10.000 unidades, cando poida retomarse o programa, cancelado nestes momentos en atención ás novas directrices sanitarias.
Abel Caballero recordou que Vigo xa distribuíu entre a poboación 250.000 máscaras aproximadamente, das que 100.000 foron adquiridas polo Concello e outras 150.000 proceden do Goberno de España.