Escoitar

O Concello adxudicou 92 novas achegas de emerxencia por valor de case 12.000 euros

O alcalde volveu a insistir esta mañá en que o gasto social non terá límite na cidade para atender as necesidades nestes momentos de crise sanitaria. Así o afirmou logo de avanzar que o Concello vén de outorgar 92 novas axudas por importe de case 12.000 euros.

venres, 30 out 2020

O Concello aprobou 92 novas axudas de emerxencia por importe de preto de 12.000 euros, o que eleva a 10.307 as achegas -por un valor de case 2 millóns - desde o inicio da pandemia. Tal e como informou o rexedor, dado o incremento de solicitudes que se vén detectando nos últimos días, a comisión xa se reúne dúas veces á semana e non se descarta aumentar esta frecuencia cando sexa necesario.

 


Respecto da situación dos albergues municipais, o de Marqués de Valterra está cheo, coas súas 38 prazas ocupadas pero no da Fundación Santa Cruz, quedan aínda 12 prazas dispoñibles. Ademais, en Marqués de Valterra ofrécese durante o día servizos de lavandería, duchas e consigna, así como o servizo café-calor que se ofrece nestas instalacións para evitar a mobilidade das persoas sen teito. En todos os casos, aplícanse os protocolos anticovid con aforos ao 50%.

 


Por outra banda, o Concello xa está a traballar na posta en marcha da recuperación de dous novos centros de illamento e confinamento para persoas sen teito por se as circunstancias así o requiriran. Tal e como sucedeu na primeira onda da pandemia, estas instalacións volverán ser o Centro de Día de Cruz Vermella e o Seminario Maior de San José. Tampouco se descarta a apertura dunha instalación para pernoctar, tal e como se fixo na primavera co pavillón do Berbés.

Ademais e para poder atender este crecemento na demanda de asistencia social, o Goberno local vén de reforzar a Concellería de Políticas de Benestar con cinco auxiliares de administración xeral e 1 diplomado en Traballo Social.

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno aprobou a contratación das obras do proxecto de impermeabilización das cubertas do Centro Veciñal e Cultural de Valladares. Este edificio, construído pola Xunta hai uns trece anos, xa require dunha mellora valorada en 121.000 euros ao presentar un importante deterioro.

Outro dos asuntos que recibiron luz verde por parte do Goberno local foi o proxecto de rehabilitación dun muro do Parque do Castro, concretamente o situado onde se ubicaba a antiga Cafetería O Mirador. Cun importe de 141.000 euros e un prazo de execución de tres meses, procederase ao levantado da xardinería existente na parte superior, retirarase a terra do recheo e executarase unha lousa de formigón da que arrancará un novo muro de contención. A actuación culminará cunha nova praza superior de uso público na que se reporán as xardineras co correspondente sistema de recollida de augas e rego.