Escoitar

O goberno municipal dedica 1,2 millóns de euros a bolsas de comedor, libros e material escolar

A Xunta de Goberno Local vén aprobar a resolución da convocatoria destas axudas municipais para alumnado de Infantil, de Primaria e de Secundaria para o curso 2020-2021. Amais, deu luz verde ao contrato de mantemento de zonas verdes por un importe superior aos 33 millóns de euros.

luns, 19 out 2020

O alcalde informou este luns do acordo na Xunta de Goberno Local para resolver a convocatoria das bolsas municipais para o curso 2020-2021 que ascenden a 4.211 axudas e un importe total de 1.270.000 euros.

O Concello outorga 1.181 bolsas para libros e material escolar por un importe superior aos 100.000 euros, que comezarán a entregarse esta semana, xa que as familias deben presentar a documentación nas dependencias municipais mediante cita previa. En canto ás axudas de comedor, concédense 3.030 bolsas por un importe de 1.170.000 euros.

Abel Caballero explicou tamén que o Concello ten previstos "tódolos escenarios que poidan xurdir" ao longo do curso escolar, polo que no caso de que o alumnado beneficiario das bolsas de comedor sexa positivo e non poida acudir ao centro ou no caso de que o centro teña que pechar, o Concello aboará a cantidade correspondente de forma directa ás familias.

Adxudicación do contrato de zonas verdes
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a proposta de adxudicación do servizo de conservación e reposición das zonas verdes do Concello UTE Acciona Medio Ambiente S.A. e Manten S.L., que debe presentar en 10 días hábiles a documentación. O prezo total do contrato é de 33.699.579 millón de euros por un período de 5 anos.

O alcalde deu conta das melloras propostas pola empresa como aumentar en 2.000 horas as esixidas para traballos extraordinarios, incrementar en 4.000 euros o importe destinado a maquinaria para traballos extraordinarios ou o incremento na porcentaxe destinada a programas de comunicación para fomentar o uso dos espazos obxecto do contrato.

Tal e como sinalou, o contrato contempla "melloras moi importantes" como o incremento do persoal do servizo nun 25%, pasando de 94 traballadores a 114 e o incremento das superficies respecto ao anterior, recollendo as novas zonas humanizadas, pasando a un total de 3.087.000 metros cadrados cando antes eran 2.783.039.

Nomeamento persoal e Outono Lírico
A Xunta de Goberno Local aprobou o nomeamento interino, por acumulación de tarefas, de quince persoas (nove oficiais de instalacións municipais e seis peóns) para o servizo de deportes, co fin de garantir a apertura, funcionamento e mantemento das instalacións. Amais, quedou aprobado o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para o desenvolvemento do "Outono Lírico", que estipula que a Deputación achega 10.000 euros para o programa e o Concello concede 50.000 euros.