O Concello demanda 1,5 millóns de euros á Xunta para financiar as medidas de desinfección fronte ao Covid-19
O Pleno Municipal, coa abstención do grupo do Partido Popular, aprobou a moción na que os socialistas instan ao Goberno Autonómico a que transfira de forma inmediata 1,5 millóns ao Concello polas medidas adoptadas en materia de desinfección para atallar a pandemia do coronavirus.
O concelleira Nuria Rodríguez detallou os custos asumidos polo goberno municipal en materia de desinfección en rúas, parques infantís, instalacións educativas, cemiterios, albergues, asociacións ou museos entre outros, que supuxeron a realización de 5.505 actuacións “con resultados positivos”, e que obrigaron á creación de 7 equipos motorizados para a vixilancia e 12 traballadores con 6 furgonetas que realizaron directamente os labores de desinfección.
Recursos para o comercio
A Corporación aprobou a moción do grupo de goberno na que se insta á Xuta de Galicia a que empregue os recursos públicos transferidos polo goberno central na dinamización do pequeno e mediano comercio vigués para facer fronte á crise xerada pola Covid-19, dotando unha partida orzamentaria específica para este fin.
O texto, defendido polo edil Ángel Rivas, sostén que a Xunta de Galicia “só destinou unha partida de 16 millóns de euros para os máis de 30.000 comercios que existen en toda a comunidade. Unha cantidade irrisoria tendo en conta as necesidades existentes”. Quedou aprobada co apoio do grupo mixto e a abstención de PP e concelleiro non adscrito.
Solo industrial
O Pleno de Vigo deu luz verde este mércores, co apoio do grupo mixto, o rexeitamento do concelleiro non adscrito e a abstención do PP, á moción do grupo municipal socialista instando á Xunta a participar na xeración de solo para actividades produtivas no Concello actuando como promotor dalgunha das novas actuacións planificadas.
A edil de Urbanismo, María José Caride, apelou á responsabilidade do goberno autonómico na política industrial “planificando e cualificando solo para actividades produtivas no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia” que, no caso de Vigo, debe incluír a súa revisión e renovación para axustar as actuacións en coherencia coas planificadas polo Concello. Amais insta á Xunta a adoptar un “papel activo na oferta e renovación de solo produtivo na cidade que lidera a actividade económica de Galicia”.