Escoitar

O goberno municipal concede 32 axudas de emerxencia por importe de 11.600 euros

O alcalde explica que estas axudas se destinan fundamentalmente a comida para a cidadanía que o precisa, un ámbito no que hoxe se distribúen 596 menús a domicilio. Amais, o goberno municipal ten acollidas a 18 vítimas de violencia de xénero en hoteis da cidade

martes, 19 mai 2020

O Concello aprobou na última xornada 32 axudas de emerxencia a familias por valor de 11.600 euros. Un diñeiro “moi ben gastado”, segundo valorou o rexedor, que se dedica principalmente a comida. Este martes, o goberno local reparte 596 menús a domicilio e ten aloxadas un total de 111 persoas sen fogar nos albergues e hostais habilitados para este fin.

No ámbito da muller, Abel Caballero informou que nas últimas horas, o Concello deu acollemento nun hotel da cidade a unha muller e un neno vítimas da violencia de xénero, polo que nestes momentos son xa 18 as vítimas de violencia machista aloxadas polo goberno municipal, 12 mulleres e 6 nenos. Amais, hai 18 mulleres e 3 nenos no Centro de Emerxencias e 2 familias en pisos independentes. Tal e como resumiu, desde o inicio do estado de alarma, o servizo de atención ás vítimas, que funciona 24 horas, recibiu case 400 chamadas telefónicas “e seguiremos atendéndoas”, sinalou Caballero.

15 persoas e 4 terrazas denunciadas

Nos controis realizados este luns pola Policía Local para garantir o cumprimento do Real Decreto de estado de alarma denunciáronse 15 persoas e 4 terrazas que non estaban acorde coa norma, das 15 revisadas nesta última xornada.

Entre as intervencións, o rexedor destacou a denuncia a un bar por ter clientes no interior e un camareiro sen contrato. “O escravismo acabouse, hai moitos anos que non hai”, sentenciou, engadindo que os axentes denunciaron outro local por incumprir as medidas sanitarias e ter dous camareiros sen contrato. Amais, detectaron dous establecementos con terrazas interiores funcionando.

Para Caballero “a maior parte das cafeterías de Vigo están funcionando ben e hai unhas poucas que non e dígolles que imos sancionalas; a saúde é o primeiro”. Instou a cafeterías e  bares a abrir garantindo tódalas condicións e velando pola saúde da xente e ofreceulles “ampliar o espazo gratis, naqueles sitios onde se pode facer, ampliar espazo de terrazas a coste cero. Deben solicitalo xa, coa condición de que haxa espazo para os peóns”.