Escoitar

Caballero defende a provincia como o mellor criterio territorial para afrontar a desescalada

Logo de manter onte a primeira reunión co consello asesor para a desescalada, Caballero avanzou a súa preferencia de que o criterio territorial para avanzar na volta á normalidade sexa a provincia. Na súa opinión a proximidade xeográfica e sociolóxica entre Vigo e Pontevedra converten esta división na mellor das opcións.

xoves, 30 abr 2020

O alcalde cualificou onte de "moi interesante" a reunión que mantivo onte pola tarde cos membros do consello asesor de desescalada, formado por máis de 15 profesionais da sanidade, do ámbito da estatística, da inmunoloxía, da económica así como por técnicos municipais de transporte, medio ambiente, saúde, tráfico, emprego ou educación, entre outros. O obxectivo, dixo, é coñecer a opinión destes profesionais para asesorar nas decisións que se vaian tomando desde o goberno local.

Unha das conclusións deste primeiro encontro foi a consideración da provincia como o mellor criterio territorial para desenvolver a desescalada, porque non tería sentido separar Vigo e Pontevedra, dada a proximidade xeográfica e tendo en conta ademais a unión sociolóxica e económica que existe. Aínda que se poidan ter en conta as áreas sanitarias, a división provincial permitiría, así mesmo, maior mobilidade dentro do territorio.

Os expertos, engadiu, insistiron ao longo da reunión virtual na necesidade manter a distancia social e as normas de hixiene (lavado de mans e uso de máscaras) como cuestións fundamentais, aplicando sempre o senso común. Respecto do establecemento de franxas horarias para saír a rúa nesta chamada fase 0, Caballero recoñeceu que por cuestións xurídicas estas decisións só as pode asumir o ministro de Sanidade e lamentou que non poidan ser as corporacións municipais as que tomen esas determinacións dado que as circunstancias poden ser moi diferentes en cada localidade.

Denuncias
O rexedor deu conta de que a Policía Local impuxo no día de onte 12 denuncias, o que supón o menor número desde o inicio do estado de alarma. Entre os cidadáns que incumpriron a orde de confinamento atopáronse varias persoas consumindo alcohol na vía pública, persoas paseando sen xustificación ou cidadáns paseando o can lonxe do domicilio. Desde o inicio desta etapa, a Policía Local tramitou 1.577 denuncias.

Benestar Social
Na habitual rolda de prensa telemática, Caballero avanzou que o Concello aprobou onte outras 38 axudas de emerxencia por valor de case 15.000 euros, o que eleva a cifra total de axudas a 4.982, cun importe económico superior ao medio millón de euros. Hoxe xoves, ademais, repartiránse 620.

Respecto da situación dos aloxamentos para persoas sen fogar, no albergue municipal pernoctaron 29 persoas; 38 na Fundación Santa Cruz; 34 en pensións e hostais e 50 no pavillón do Berbés.

Descargar todas as imaxes