Escoitar

Abel Caballero: “O Concello estará á fronte do proceso de recuperación da cidade”

O alcalde de Vigo destacou este mércores no Pleno da Corporación Municipal o labor que está a realizar o Concello no contexto da pandemia do Covid-19 e o papel que xogará no futuro. “Estaremos á fronte do proceso de recuperación en todos os ámbitos”, sinalou.

mércores, 29 abr 2020

O Pleno da Corporación de Vigo abordou este mércores, na súa sesión ordinaria de abril, as medidas adoptadas polo Comité de Seguimento a Evolución do Covid-19”. Durante o debate plenario, o alcalde, Abel Caballero, fixo un repaso ás decisións adoptadas polo Concello desde o inicio da crise, o pasado 16 de marzo, e abordou o papel que vai tomar o goberno local nos vindeiros meses.

“O Concello estará á fronte do proceso de recuperación da cidade en todos os ámbitos de actuación, porque Vigo ten que seguir sendo unha cidade segura”, afirmou o rexedor tras destacar o “importante nivel de coincidencia” nas formulacións de todos os grupos municipais.

Caballero enumerou as medidas que xa se tomaron durante o último mes e medio, destacando a labor dos servizos sociais. Así, apuntou que xa se entregaron 4.966 axudas de emerxencia por valor de máis de medio millón de euros, 800 tarxetas de alimentación ou 18.000 menús, entre outras medidas de cara ás persoas desfavorecidas.

Apertura de espazos

No tocante aos últimos anuncios feitos de cara ao futuro, o alcalde lembrou que “seguimos en estado de alarma” e destacou o bo comportamento dos cidadáns o pasado domingo durante a saída a rúa dos nenos menores de 14 anos. “Desde hoxe imos seguir abrindo diferentes espazos, como Castrelos ou Samil, e tamén barallamos, se a meteoroloxía o permite, peonalizar rúas”, indicou.

Tamén relatou os resultados das diferentes reunións diarias con diversos sectores da cidade, desde representantes económicos a comercio, construción, turismo ou cultura. Neste senso, citou as conferencias mantidas como presidente da FEMP co presidente do Goberno, ministros e alcaldes de toda España.

Fomento da cultura

O alcalde adicou parte da súa intervención a explicar novidades sobre o fomento do sector cultural da cidade. Así, descartou que este verán poidan celebrarse grandes concertos no Auditorio de Castrelos, pero avogou por dedicar parte do investimento de Vigo en Festas a outras actividades culturais.

“Barallamos celebrar eventos acordes coa dinamización da cidade, dedicar parte do custe do concerto de Sting, temos que ser os grandes mobilizadores da cidade”, apuntou antes de avanzar que nos vindeiros días convocará un novo Pleno da Corporación para facer un seguimento dos avances.

Igrexas: “Conte co BNG”

Todos os concelleiros da oposición, a través dos seus voceiros no salón del plenos (o resto seguiu a retransmisión desde os seus domicilios), apoiaron as medidas tomadas polo goberno local.

Xabier Igrexas, concelleiro non adscrito, recoñeceu o “esforzo” do Concello e saudou a “vontade” de traballo, aínda que tamén mostrou a súa preocupación polos ERTES presentados desde algunha concesionaria e pediu “control exhaustivo”.

“Manifesto a firme disposición do BNG a cooperar con lealdade e demandamos que as medidas conten tamén co máximo consenso político, o goberno local pode contar co BNG”, asegurou Igrexas.

Pérez: “O superávit é un recurso municipal”

Pola súa banda, Rubén Pérez, concelleiro de Marea de Vigo, defendeu a utilización por parte do Concello do superávit e rexeitou que acaba sendo utilizado por outra administración que non sexa a local.

“O superávit e o remanente deben considerarse recursos municipais; vemos que por fin isto vai materializarse. É un recurso moi válido neste momento para axudar á recuperación. Deben usarse no noso comercio e hostalería,no sector da cultural, ou nos servizos sociais”, indicou o voceiro do Grupo Mixto.

Marnotes: “Son necesarias medidas concretas”

Por último, o voceiro do Partido Popular, Alfonso Marnotes, mostrou tamén o apoio do seu grupo ao goberno local e solicitou ao alcalde que adopte “medidas concretas”.

“Gustaríame poñer en valor o exemplo da cidadanía viguesa e tamén o traballo solidario de 300 persoas que confeccionaron máscaras para numerosos colectivos”, indicou Marnotes antes de pedir que a desescalada viguesa aporte “medidas concretas”.