O Concello recibe 555 solicitudes de ordenadores para alumnado de Primaria
Segundo informou o rexedor, o goberno municipal conta con 200 equipos doados por empresas e particulares para poñer a disposición de nenas e nenos de 6 a 12 anos e que poidan seguir a docencia online.
Abel Caballero reiterou o chamamento á cidadanía para que doe aqueles ordenadores ou tabletas que xa non usan dentro da campaña que desenvolve o Concello para dotar de equipos ás familias que non dispoñen de medios para que o alumnado poida atender a docencia a través de Internet. Poden facelo chamando ao 010, o goberno municipal irá a recollelos, serán actualizados e entregados aos centros escolares.
O Concello recibiu ata hoxe un total de 555 solicitudes de familias con nenos de entre 6 e 12 anos e conta nestes momentos con 200 equipos doados, tanto de particulares como de empresas, que está acondiciona a empresa Revertia para o seu uso. Posteriormente, o Concello entregaraos aos centros educativos para que poidan darllos aos nenos e nenas que os precisan.
O alcalde cualificou de “intolerable” que a Xunta de Galicia deixase “abandonados de medios telemáticos a 555 nenas e nenos da cidade” e esixiulle responsabilidades ao presidente da Xunta. Explicou que o goberno autonómico enviou cartas aos centros educativos públicos pedíndolles que non remitiran peticións de equipos ao Concello e, despois, volveu remitirlles unha comunicación indicándolles que “si, que sexa o Concello quen lles poña ordenadores”, dixo Caballero, quen apuntou que “o imos facer pero non é a nosa competencia”.