Escoitar

O Goberno de Vigo xa entregou 2.263 axudas de emerxencia desde o inicio do estado de alarma

A comisión de valoración de axudas de emerxencia aprobou onte pola tarde case 500 novas achegas, o que eleva a 2.263 a cifra total entregadas desde que se decretara o estado de alarma. Así mesmo, o Concello segue a repartir 450 menús diarios aos usuarios dos comedores sociais da cidade.

martes, 31 mar 2020

Abel Caballero lembrou esta mañá que o Goberno local segue a prestar especial atención aos colectivos máis vulnerables durante esta crise do coronavirus e destacou que o departamento de Benestar Social do Concello recibiu no só no día de onte 1.200 solicitudes dalgún tipo de axuda. A este respecto, engadiu que onte mesmo pola tarde, a comisión de valoración das axudas de emerxencia aprobou case 500, das que a maioría son para alimentación, aínda que tamén se autorizaron outras para aluguer, hipoteca ou subministros. Desde que comezou o estado de alarma, o Concello deu luz verde a 2.263 axudas e avanzou que no día de hoxe serán aprobadas entre 400 ou 500 máis porque “a xente que as precisa, non pode esperar”.

Así mesmo, continúa o reparto a domicilio de 420 menús para os usuarios dos comedores sociais. Ampliouse o dispostivo de reparto, con tres vehículos máis -xa son 10 -, que distribúen comida tamén ás persoas sen fogar aloxados nos hostais, pensións e no pavillón de O Berbés. Outro servizo que vén de implementar o Concello para as 140 persoas sen fogar que está a atender é unha lavandería itinerante. Unha furgoneta recolle a roupa das persoas que están en hostais, pensións ou no Berbés, e devólvese ás sús respectivas ubicacións, unha vez lavada. Ademais, a unidade de rúa segue a atender ás persoas sen fogar que non quixeron ser realoxadas.

Por último, o rexedor apuntou que o Concello ten previsto un dispositivo de illamento por se xurdira algún positivo entre as persoas que se atenden desde Política Social.