Escoitar

O Concello pecha os paseos de Bouzas e o Lagares e as visitas aos cemiterios

Logo dunha nova reunión este luns da comisión de seguimento do coronavirus, Abel Caballero informou destes peches ante a afluencia de xente e adiantou que todas as persoas sen teito están xa realoxadas en pensións, co que non foi preciso habilitar pavillóns municipais ao efecto.

luns, 16 mar 2020

O alcalde de Vigo presidiu o mediodía deste luns unha nova reunión do comité de seguimento municipal, que ampliou as medidas despois de ter constatado que “algunha xente considera que esta suspensión de actividade é para pasear”, indicou Caballero, quen recordou que “está terminantemente prohibido estar de paseo ou en grupos” e que convén estar illados.

Así, ante a “bastante importante afluencia” de persoas aos cemiterios municipais, o Concello decidiu pechalos ás visitas, quedando abertos para os enterros, cun aforo máximo de 25 persoas. Amais, e pola mesma razón, o rexedor informou do peche dos paseos de Bouzas o do fluvial do Lagares. O Concello tamén instou a Vitrasa, concesionaria do autobús urbano vigués, a cumprir coa limitación de aforo no transporte colectivo, de acordo cos criterios do Real Decreto que promulgou o estado de alarma en España.

Por outra banda, o alcalde trasladou as medidas adoptadas aos voceiros dos grupos municipais da oposición en Vigo, con quen acordou tamén o inicio dos trámites para aprazar a celebración do próximo Pleno da Corporación e das comisións informativas.

En cuarto lugar, Abel Caballero informou da conversa mantida coa ministra de Defensa, Margarita Robles, quen informou ao alcalde da presenza en Vigo “en próximos días” do Exercito de Terra e dunha parte da Brilat. Traballarán en coordinación coas policías Local e Nacional para reforzar a vixilancia no cumprimento da normativa.

Por último, o alcalde destacou o “importante esforzo” do Concello para dar aloxamento a todas as persoas sen teito que non están nos albergues. Caballero afirmou que todos eles xa están realoxados en pensións ou hostais, co que non foi preciso habilitar pavillóns municipais para darlles acomodo, tal e como estaba previsto.

“Estamos a facer un esforzo moi importante para atender á poboación máis vulnerable”, subliñou Caballero, xa que se continúa atendendo aos nenos das familias con axuda de comedor escolar, aos dependentes e aos que viven sós, ademais das persoas sen teito. “Queremos que esta situación tremenda de crise afecte o menos posible a estes colectivos tan sensibles”, concluíu o alcalde, quen insistiu na súa mensaxe de illamento: “Quedar na casa, quedar na casa e quedar na casa”.