O rexedor, “satisfeito” pola celebración da 56 Exposición Internacional da Camelia en Vigo
O concurso que organiza o Concello desenvólvese esta fin de semana no Auditorio Mar de Vigo coa concorrencia de 30 participantes e 22 premios en diferentes categorías. Haberá tamén coloquios arredor deste arbusto característico das Rías Baixas.
Abel Caballero avanzou este venres o programa da 56 edición do Concurso Exposición Internacional da Camelia que acolle o Auditorio Mar de Vigo e no que están inscritos 38 participantes, 20 na modalidade do premio especial Cidade de Vigo e que concederá 22 premios en diferentes categorías.
A inauguración da exposición será mañá sábado ás 18 horas nun acto no que se entregarán os premios desta edición e, deseguido, os asistentes poderán gozar da actuación de grupos folclóricos. O domingo ás 11 da mañá abre de novo a exposición, ás 12:30 celébrase unha charla-coloquio baixo o título “Usos da camelia, moito máis ca unha flor bonita”, a cargo de Pablo Mansilla, director de Acemelia e, pola tarde, ás 17:30, charla-demostración “Manipulación das camelias na arte floral” a cargo de Mª Dolores Fernández Covelo, profesora da Escola Española de Arte Floral. A xornada continúa con música folclórica e a mostra pecha as súas portas ás 20:30 horas do serán.
Abel Caballero amosou a súa satisfacción porque Vigo acolla a celebración desta 56 edición que, dixo, “vai ser un grande certame”, e destacou que a camelia e o camelio son “parte da nosa cultura e vida, hai unha rúa que se chama así e danse especialmente ben na cidade; a camelia é unha das grandes marabillas da beleza universal en flores”.