Escoitar

Concello e Deputación reeditan o acordo que trae de novo a Vigo o “World Padel Tour”

Segundo informou Abel Caballero, a Xunta de Goberno Local deu luz verde este xoves ao convenio co ente provincial para a celebración do “Vigo Open 2020 – World Padel Tour”. Confirmou o alcalde que se celebrará no pavillón das Travesas entre o 22 e o 29 de marzo.

xoves, 27 feb 2020

O World Padel Tour volverá ter parada este ano en Vigo. O goberno vigués vén de validar o proxecto de convenio coa Deputación de Pontevedra para o desenvolvemento dun proxecto de promoción deportiva deste deporte a través da organización do “Vigo Open 2020 – World Padel Tour”.

A cita será do 22 ao 29 de marzo, este ano no pavillón das Travesas, datas nas que Vigo se converterá no centro de atención do mundo do padel, coa presenza de máis de 300 deportistas do máis alto nivel internacional, unha asistencia de público estimada en máis de 10.000 persoas -das que a metade procederán de fóra da cidade-, un seguimento en redes sociais de máis de medio millón de persoas, retransmisión en directo por televisión dalgúns partidos e tamén a través do seu canal de Youtube.

O orzamento total do evento ascende aos 562.000 euros, indicou Caballero. Dada a consolidación da cita viguesa, o Concello este ano rebaixa a súa colaboración en 28.000 euros, adicando ao efecto 56.000 euros aos que se suman outros 55.000 euros da Deputación. Os 111.000 euros de ambas institucións serán destinados ao patrocinio publicitario do Open de Vigo do World Padel Tour.