Escoitar

O Concello programa 24 funcións no Auditorio Municipal dentro dunha nova edición de Vigocultura

Abel Losada presentou esta mañá a programación de Vigocultura cunha performance organizada diante do MARCO como avance dun dos espectáculos que se van ofrecer no Auditorio Mar de Vigo durante os próximos dous meses. Desde o 27 de setembro ao 29 de novembro, o Concello programará 24 espectáculos de maxia, teatro, danza e circo, entre os que haberá un día dedicado aos bebés e dous espectáculos que se poderán ver na rúa do Príncipe.

xoves, 5 set 2019
1567688239Losadaok.JPG
O Concello de Vigo presenta a programación de artes escéncias Vigocultura no Auditorio do Concello que terá lugar nos meses de outubro e novembro de 2019. O concelleiro de Cultura, Abel Losada, moi satisfeito polas cifras de asistencia nos últimos anos, avanzou na presentación unha liña de continuidade que pretende seguir consolidando públicos a través das artes escénicas, cos mellores espectáculos de teatro, danza, circo e maxia, que están nestes momentos circulando en Galicia e fóra dela. Na súa intervención, cualificou a cultura como unha ferramenta de cohesión social que tamén crea riqueza e xera "sociedades máis homoxéneas e con autoestima".

A programación está composta por espectáculos de rúa, monicreques, teatro, comedia, danza, maxia e circo. Un total de 19 compañías e grupos que realizarán un total de 24 funcións. Comezará na rúa do Príncipe con Espera, da Compañía Eia que dará o pistoletazo de saída o venres 27 de setembro cun espectáculo de circo que chamará a atención de todos os vigueses e viguesas que pasen pola rúa ás 19 horas. Ao día seguinte, no mesmo horario, Antón Coucheiro protagonizará "Sonámbulo", un espectáculo a bordo dunha cama na que todo o público participará e escachará da risa a partes iguais.

Ao venres seguinte, comezará a programación no Auditorio do Concello, que todos os venres exhibirá espectáculos para adultos con compañías como Teatro Gorakada, ButacaZero, Arden Producciones ou Teatro do Atlántico.

Cabe destacar a estrea mundial de "Guerra de identidade" o espectáculo da actriz e escritora viguesa Deborah Vukusic, ou a presenza de actrices destacadas como Ángeles Martín co seu espectáculo "No hay papel" da compañía Desafora2. A compañía de danza de Fran Sieira presentará o seu espectáculo "Entresoños" que contará coa colaboración dos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Danza.

Na vertente máis social, dous espectáculos con temáticas de máxima actualidade. Por un lado a eutanasia co espectáculo "Celebraré mi muerte" de Teatro del Barrio, que conta coa produción de Jordi Évole e Alberto San Juan. Por outro o espectáculo "Invisibles" sobre a violencia contra a muller, da compañía Redrum Teatro, que foi o último gañador de tres Premios María Casares 2019.

Para os mais pequenos e as súas familias a oferta se completa con espectáculos de circo, maxia, teatro e monicreques con compañías como Xampatito Pato, o Mago Martín Camiña, Producións Dispersas, La Trócola, ou Pata Teatro.

Neste apartado destacamos o espectáculo Arte’n’rúa, da compañía Kandengue Arts, un espectáculo multidisciplinar ambientado nas artes de rúa e urbanas que combina hip hop, ragga, rock, teatro, maxia, música, danza e graffitis en directo. Como en todas as edicións de Vigocultura, os bebés serán os protagonistas do espectáculo "Bitels para bebés" de La Petita Malumaluga, que fará tres pases consecutivos o domingo 10 de novembro.

O prato forte do programa será a compañía Yllana, que estará unha fin de semana completa no Auditorio do Concello e que realizará tres pases do seu espectáculo "Gag Movie" o venres e o sábado coa súa versión máis gamberra para adultos, e o domingo cun pase máis familiar para todos os públicos.

Entre os 19 espectáculos seleccionados nesta programación suman máis de 26 premios e a gran maioría deles contan co selo "R" de espectáculo recomendado pola Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuitos e Festivais de Titularidade Pública.

Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios como polas ordenanzas fiscais municipais. Os prezos das entradas para os espectáculos para adultos serán de 8 €, excepto Yllana que terá un prezo de 10 €, e os dirixidos a público familiar de 5 €.

As entradas poderán adquirirse anticipadamente a partir de mañá venres 6 de setembro (sen gastos de xestión, ao mesmo prezo que no despacho de billetes), a través da páxina web de Ticketea, no teléfono 902044226, en Discos Elepé, ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo, no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas disponibles).

Os abonos para a programación deste semestre pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10 espectáculos, con importantes descontos do 10 e 25 % respectivamente.

Como novidade nesta edición, e co obxecto de fomentar a asistencia ao teatro da mocidade, o público entre 12 e 18 anos poderá beneficiarse dun 50% de desconto no prezo das entradas adquiríndoas anticipadamente a través de Internet co código de desconto OTEATROMOLA.

O Auditorio Municipal do Concello está adscrito ao Programa Platea de Circulación de Espectáculos que xestiona o INAEM en colaboración coa FEMP e forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Desde decembro de 2017 tamén pertence á Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuítos e Festivais de Titularidade Pública.

Descargar todas as imaxes

Máis información