Escoitar

A unanimidade do Pleno urxe a Portos de Galicia a que reconstrúa a lonxa de Canido

A moción do grupo socialista demanda á Xunta de Galicia a presentación do proxecto da obra e a súa inclusión nos Orzamentos de 2020. Amais, o Concello insta ao goberno autonómico a realizar convocatorias de concorrencia competitiva nas subvencións de políticas de emprego.

mércores, 4 set 2019
O Pleno Municipal aprobou esta mañá por unanimidade a proposta socialista instando a Portos de Galicia a presentar antes de que remate o mes de setembro un proxecto de reconstrución da lonxa de pescadores de Canido comprometéndose a incluílo nos Orzamentos 2020 da Xunta de Galicia e concretar os prazos de licitación e execución de obra.

O edil López Font lembrou que dende o derrubamento do teito da lonxa o pasado mes de febreiro os mariñeiros descargan as súas capturas no Berbés e pediu á Xunta de Galicia que dea "cumprida resposta xa" e que lle conte á Confraría de Pescadores cal é o proxecto que ten para a reconstrución do edificio. Xabier Pérez Igrexas coincidiu con Font na "urxencia" de presentar o proxecto por parte do goberno autonómico mentres Rubén Pérez Correa, de Marea de Vigo, aludiu á "deixación de funcións de Portos de Galicia". A edil popular Teresa Egerique asegurou que "se fará a reconstrución cun edificio adaptado á realidade".

Políticas de emprego
Na sesión plenaria deste mércores quedou aprobada tamén, co apoio do grupo mixto e do membro non adscrito e coa abstención do grupo popular, a moción socialista na que se insta á Xunta de Galicia a que as subvencións de políticas de emprego se concedan baseándose en convocatorias de concorrencia competitiva tendo en conta a situación socio-laboral e demográfica de cada concello en termos proporcionais ao tamaño da poboación total e da poboación obxectivo de inserción laboral.