Escoitar

O Concello de Vigo abre expediente para a resolución da concesión do Camaleón en Samil

Abel Caballero informou este xoves de que a Xunta de Goberno Local abriu un expediente informativo para a resolución da concesión outorgada a empresa Camaleón S.A. para a explotación do seu restaurante en Samil. O alcalde sinalou que a concesionaria está en concurso de acredores e, segundo o informe da Tesourería Municipal, ten pendente de pago as taxas de 2017 e 2018.

xoves, 20 xuñ 2019
A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo acordou a incoación de expediente administrativo de resolución da concesión outorgada ao restaurante Camaleón no pleno municipal do 21 de decembro de 1984 debido ao incumprimento no pago do canon e taxas municipais.

Segundo explicou Abel Caballero en rolda de prensa, a empresa está en concurso de acredores e ten a concesión da explotación do bar-restaurante na praia de Samil ata decembro de 2019, data na que finaliza o período de concesión de 35 anos, pero actualmente.

O alcalde sinalou que, en base ao informe da Tesourería, se abre expediente polo impago do canon concesional e demais taxas e contribucións de índole fiscal correspondente aos exercicios 2017 e 2018.

Escolas infantís municipais
Ademais, Caballero tamén informou de que a Xunta de Goberno deu conta das listas definitivas de adxudicación de prazas e lista de espera nas escolas infantís municipais para o curso 2019/2020.

O alcalde lembrou que actualmente hai 620 prazas nas 8 escolas: Bouzas (80), Tomás Alonso (78), Costeira-Saiáns (72), Santa Marta-Casco Vello (72), Atalaia-Teis (82), Santa Cristina-Lavadores (76), Mestres Goldar-Castrelos (78) e Navia (82). Ademais, a Fundación Amancio Ortega construirá en Areeiro (Bembrive) outra gardería con 82 prazas.