Escoitar

O goberno local modifica o convenio para estudar a mellora do abastecemento na área de Vigo

Segundo informou o alcalde este xoves, o goberno de Vigo validou a modificación do texto do convenio para adaptalo ao aprobado pola Xunta de Galicia, logo de que a administración autonómica cambiara o acordo alcanzado inicialmente con Concello e Goberno de España.

xoves, 11 abr 2019
Abel Caballero informou este xoves en rolda de prensa dos principais asuntos abordados pola Xunta de Goberno Local, entre os que destacou a modificación do texto do convenio entre o Ministerio de Transición Ecolóxica (a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil), a Xunta de Galicia (a través de Augas de Galicia) e o Concello para o estudo de alternativas para a mellora da garantía do abastecemento na área de Vigo.

O goberno de Vigo xa aprobara o convenio acordado coas administracións galega e estatal, e, co cambio aprobado hoxe na Xunta de Goberno Local, o Concello adáptase ao texto que validou a Xunta de Galicia, diferente do consensuado inicialmente polas tres partes.

Tal e como figura no expediente aprobado, a alteración introducida pola Xunta de Galicia afectaba á cláusula número catro, "Anualidades e achegas", e atrasa o momento do pago da parte que lle corresponde tanto ao Concello como á propia Xunta, que ascende a 66.666 euros en dúas anualidades. Así, no documento inicial ambas administracións abonaban a súa parte no momento de adxudicación do contrato do estudo e agora, despois da modificación, o pago será efectivo contra a certificación.

O convenio recolle que as administracións "consideran necesario abordar a execución dunha solución a longo prazo que garanta o abastecemento á zona de Vigo e parte da zona Sur da provincia de Pontevedra, nun escenario de cambio climático que obriga a levar a cabo, de forma decidida, actuacións estruturais para garantir o abastecemento e poder afrontar situacións de seca e minimizar así calquera evento de escaseza de recurso"

"Neste sentido", engade o texto aprobado hoxe, "o primeiro paso a realizar debe ser un estudo das diferentes alternativas e outro de impacto ambiental, para determinar a mellor opción para solucionar os problemas que presenta o sistema de abastecemento de auga desde os encoros de Eiras e de Zamáns".

Emprego
En segundo lugar, o alcalde deu conta da aprobación da convocatoria e bases reguladoras das "Axudas á contratación e mellora do emprego da mocidade viguesa 2019", aprobado na Xunta de Goberno Local celebrada este xoves. O programa busca incentivar a contratación de menores de trinta anos e transformar contratos temporais en indefinidos.