Escoitar

Vigo logra 4 millóns do Goberno para o seu proxecto de edificios intelixentes

O Concello recibirá 4 millóns do Goberno central para o proxecto de edificios intelixentes. O organismo Red.es, dependente do Ministerio de Economía e Emprego, deu o visto e prace á convocatoria viguesa dentro do seu Plan Nacional de Territorios Intelixentes da axenda dixital para España.

venres, 1 mar 2019
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este venres de que o Goberno concedeu ao Concello de Vigo unha achega de 4 millóns de euros dentro do Plan Nacional de Territorios Intelixentes da axenda dixital de España para poñer en marcha un programa de edificios intelixentes en 172 inmobles da cidade.

O proxecto piloto vigués para edificios intelixentes que recibirá os fondos de Red.es, dependente do Ministerio de Economía e Emprego, está enfocado á mellora do benestar e calidade de vida das persoas.

Segundo explicou o rexedor, instalarse o denominado "Nodo IOT" grazas ao que se poderá comunicar en tempo real o que pasa nos edificios para extraer datos e traballar no ámbito do desenvolvemento medioambiental, da seguridade e da mobilidade. Este proceso permite obter información en tempo real que facilitarán a toma de medidas como a elaboración de mapas de ruído, de contaminación e de consumo enerxético.

A proposta incluirá todos os edificios administrativos, o Parque de servizos do Concello, o Auditorio Mar de Vigo, museos, bibliotecas, Estadio de Balaídos, Escola de Artes e Oficios, Albergue Municipal, mercados, centros cívicos, aparcamentos subterráneos, VigoZoo, edificio da Xerencia de Urbanismo, aeroporto, estación de ferrocarril, estación de autobuses e porto.

Tamén se proporán edificios de sectores privados como vivendas, centros comerciais, hoteis ou Zona Franca. "Lograremos unha radiografía en tempo real do estado da cidade, por exemplo se hai unha acumulación de xente nunha zona determinada, unha fuga de auga nun edificio ou unha avaría eléctrica", sinalou Caballero.

O alcalde tamén celebrou a chegada de fondos procedentes do Gobierno. "Esta é a modernidade, estaremos conectados co porto, aeroporto... para unha cidade moderna, das tecnoloxías, e todo pagado polo Goberno de España, porque por primeira vez na historia a Vigo lle din a todo que si", apuntou.