Escoitar

O goberno municipal inviste preto dun millón no campo de fútbol de O Carballal

O concelleiro de Deportes, Manel Fernández, anunciou hoxe un investimento en reformas de campos de fútbol dun total de 6 millóns de euros, dos que preto dun millón irá ao campo da Bandeira, en Carballal, que dende hai un ano é epicentro de adestramentos e partidos dos equipos da Gran Peña e do AD Lavadores.

mércores, 20 feb 2019
1550684874manel.JPG
Cun calendario de obras dende febreiro a xullo para actuar en quince terreos de xogo de Vigo, o edil explicou que "o campo do Carballal é o que máis investimento municipal terá. Foi o primeiro en contar con eficiencia enerxética e os equipos dos clubs que nel desenvolven a súa actividade usan a instalación municipal de xeito gratuíto".

Fernández, que subliñou o "importante investimento municipal nese campo", anunciou que dende que se detectaron problemas coa subministración de enerxía e de auga -caídas de tensión á noitiña, co uso ao tempo da rega do campo, a iluminación e as duchas-, os clubs estiveron informados tanto verbalmente como por escrito. De feito, o propio concelleiro estivo en contacto permanente co vicepresidente granpeñista ata en cinco oportunidades dende o pasado día 5 e en dous notificacións (días 7 e 14 deste mes) comunicóuselles a situación, informándolles dos estudos e acción que se están a facer.
O Servizo de Electromecánicos instalou un analizador de redes para certificar a situación. "Nuns días teremos todos os resultados, pero cremos que a caída de tensión é do 21%. Con todos os datos informaremos os clubs e transmitirémolos a Naturgy, o subministrador eléctrico, para que repoñan a potencia necesaria na zona", avanzou o concelleiro. Fernández indicou que as entidades que usan o campo "teñen perfecto coñecemento" dos traballos que o Concello está a facer.
O goberno vigués investiu xa 430.000 euros na primeira fase de Carballal (periodo 2017-18), coa iluminación artificial e o céspede sintético que substituíu ao campo de terra. "Cuberta a parte deportiva", dixo Manel Fernández, "agora imos resolver a parte dotacional, para o que a Concellería de Deportes reservou 551.000 euros". Irán á reforma integral dos vestiarios. Ademais, dende febreiro de 2018 o Concello investiu 20.000 euros en diversas incidencias no campo.
Descargar todas as imaxes