Escoitar

Cayetano Rodríguez destaca o "excelente" momento que está a vivir a música en Vigo

O concelleiro de Cultura louvou esta mañá a traxectoria da Orquestra Clásica de Vigo durante a presentación da tempada 2019, no ano no que cumpre o seu 35 aniversario. Durante a rolda de prensa, Cayetano Rodríguez destacou o constante apoio do Concello á música "que está a vivir "momento histórico, como parte esencial do movemento cultural de Vigo".

luns, 18 feb 2019
1550493588cayetanook.JPG
O concelleiro de Cultura eloxiou "o excelente momento que está a vivir a música en Vigo", destacando o compromiso do Concello cun sector que está a vivir un "momento histórico, como parte esencial do movemento cultural de Vigo". "Estamos orgullosos e agradecidos a todas as entidades que promoven o compromiso coa música, xerando unha programación excelente, que tamén xera pedagoxía e docencia". En rolda de prensa, o responsable municipal reiterou o apoio constante a calquera iniciativa vencellada coa música que impulse a sociedade civil.

Ademais da Orquestra Clásica de Vigo, o Concello coopera, entre outros, con Sinsal Audio (Festival Sinsal); coa programación estable da Sala Ártica; coa Asociación Cultural Vertixe (Festival de creación contemporánea); coa Fundación Coral Casablanca; cos Amigos da Ópera, con ACOPOVI (aglutina a 38 corais), coa Federación de bandas de música (reúne a 9 bandas), co Conservatorio Superior de Música, con AGIC (Concurso de Instrumentos de corda); coa Asociación Música Clásica (concurso de piano), coa Fundación Sondeseu; coa Sociedade Filarmónica, coa Orquestra Vigo 43 ou co Festival de Jazz.

Programación Orquestra Clásica
A Orquestra Clásica de Vigo conmemora este ao o seu 35 aniversario con seis concerto singulares, que pretenden ofrecer unha visión ecléctica e contemporánea da música sinfónica. Así o manifestou Manuel Martínez, coordinador da presentación na rolda de prensa.

A innovadora proposta da agrupación para esta tempada comezará o vindeiro 7 de marzo cun concerto en torno a dous grandes compositores coetáneos, Maurice Ravel e Vaughan Williams. Esta cita, que terá lugar no Teatro Afundación ás 20,30 h, estará dedicada a un dos compoñentes da Orquestra Clásica de Vigo, que faleceu recentemente. A seguinte sesión celebrarase o 6 de abril no Auditorio Municipal do Concello de Vigo, cunha viaxe musical ao universo de Purcell, Vivaldi e ao do primeiro Haydn. En maio, a formación presentará a obra de dous compositores coevos, Francis Poulenc e George Gershwin, no Teatro Afundación. Beethoven e Mendelssohn serán os protagonistas do concerto do 12 de outubro no Teatro Afundación, onde se interpretarán as conexións entre a música sinfónica e ambos autores. Na programación tamén haberá espazo para un proxecto que conxugará electrónica, audiovisual e música clásica denominado Práctica Electroclásica, que se poderá ver no MARCO o 16 de novembro.

A temporada pecharase o 28 de decembro no Teatro Afundación co tradicional Concerto Extraordinario de Nadal, no que se combinará música de Sibelius coa banda sonora de Harry Potter, composta por John Williams. Todas as propostas do ano que se cumpre o 35 aniversario da Orquestra Clásica de Vigo están fiados entre si, agrupados por contrastes e artistas complementarios, nunha programación que busca conectar obras de distintas épocas e estilos para xerar lecturas únicas no público grazas á confrontación das diversas creacións.


Descargar todas as imaxes