Escoitar

Vigo celebra o “ Día Internacional dos Museos”

venres, 18 mai 2001
imx236.jpg
Escolares de centros públicos de Vigo e Nigrán participaron hoxe nas actividades de portas abertas no Museo Municipal Quiñones de León e o Museo Liste de Etnografía con motivo do “ Día Internacional dos Museos”. O 18 de maio os museos de todo o mundo celebran o seu día que este ano se desenvolveu baixo o lema “ Museos: cultura e sociedade”.

O lema quere subliñar a importancia do papel social dos museos e recalcar a súa definición como institución permanente ó servicio da sociedade e ó seu desenvolvemento. A cidade de Vigo conta con dous museos que toman este obxectivo como piar fundamental da súa xestión.

O Museo Quiñones de León é un lugar emblemático para a cidade de Vigo, froito dunha doazón de Fernando Quiñones de León, marqués de Alcedo, en 1925. Este pazo do século XVII conta, entre outras, cunha importante pinacoteca integrada polo legado de Policarpo Sanz, os depósitos do Museo do Prado e unha gran colección de arte galega. O andar inferior trata de recrear a atmosfera dun pazo galego onde, a través das súas salas, se pode coñecer parte da historia da cidade. Conta tamén cunha sala de arqueoloxía que abrangue desde a Prehistoria ata a Idade Media, destacando a importante colección de estelas romanas. Todo isto, xunto co propio pazo e os xardíns, conforma un conxunto histórico artístico, patrimonio de tódolos vigueses.

O Museo Liste amósase como referencia obrigada no coñecemento do patrimonio etnográfico galego. As 2.000 pezas expostas representan as obras da actividade creadora da poboación e agochan unha cultura da que, ós poucos, vai perdéndose conciencia. É unha invitación a descubrir e compartir a viaxe común pola historia máis recente.

Directorio e horarios

Pazo Museo Quiñones de León


Parque de Castrelos, s/n 36213 Vigo
Teléfono: 986 295070 - 986 295075
Fax: 986 239372

-Sala de Arqueoloxía
Martes a venres: 9:00-20:00 horas
Sábados: 14:00-20:00 horas
Domingos e festivos: 10-14:00 horas

-Pazo e pinacoteca
Martes a venres: 10:00-13:00/16:00-19:00 horas
Sábados: 16:00-19:00 horas
Domingos e festivos: 10:00-13:00 horas.
Visita acompañada. Saen ás horas en punto.
Luns, pechado. Entrada gratuíta.
Visitas en grupo, previa conformidade telefónica.

Museo Liste

Rúa Pastora, 22
Teléfono: 986 244698
Fax: 986 298229

Martes a sábado: 11:00-14:00/17:00-19:00 horas
Domingo: 10:00-14:30 horas
Luns, pechado.
Visitas guiadas.

Prezos: adultos 400 pesetas, nenos ata 12 anos e terceira idade 150 pesetas. Grupos (10 persoas) 100 pesetas. Día Internacional dos Museos, entrada gratuíta.


Descargar todas as imaxes