Escoitar

O Concello leva a FITUR un "Vigo sen límites" co alumeado de Nadal como "produto estrela"

Abel Caballero trazou este luns as liñas principais da presentación da cidade na Feira Internacional de Turismo, este xoves en Madrid. Xunto ao alumeado de Nadal, Vigo amosará o seu Entroido, a Reconquista, as festas do verán, a súa cultura, gastronomía e natureza, co reclamo da candidatura das Cíes a Patrimonio da Humanidade.

luns, 21 xan 2019
Segundo avanzou o alcalde en rolda de prensa, o xoves a cidade amosará en FITUR a súa proposta turística para este ano, baixo o lema "Vigo sen límites".

Abel Caballero subliñou que Vigo se abriu "a pulso" o seu espazo nas redes turísticas do país grazas ao éxito "incuestionable" do alumeado de Nadal, unha campaña de case que dous meses que será o "produto estrela", en verbas do alcalde, da presentación deste xoves en Madrid.

Ademais, o goberno de Vigo trasladará na feira a oferta "horizontal" da cidade, baseada no seu comercio, hostalería, gastronomía, cunha cidade "atractiva e amable". Ademais, e no concreto, o Concello prevé reforzar o seu Entroido deste ano -que contará con dous concertos, segundo avanzou Caballero- e a festa da Reconquista.

Vigo porá no mapa turístico estatal as súas festas de verán cunha "oferta excepcional" dun mes de duración. Sen desvelar os nomes, o alcalde de Vigo avanzou que a cidade recibirá a dous grupos con capacidade de atraer a decenas de miles de persoas, ao nivel da afluencia de Maná no pasado verán.

No tocante á natureza, a conxunción mar-montaña ocupará un espazo relevante na presentación viguesa en FITUR, coas diferentes rutas que ofrecen os montes de Vigo unidas ao "atractivo" da ría de Vigo, das súas praias e ao tirón das Illas Cíes. A este respecto, o alcalde anunciou que presentará a candidatura do arquipélago vigués a Patrimonio da Humanidade antes dun ano, prazo que xa está en coñecemento dos ministros de Cultura e de Transición Ecolóxica.

Ademais, o turismo industrial e cultural formará parte do "Vigo sen límites", revelou Abel Caballero, quen apuntou ao "espectáculo" da lonxa de Vigo e dos barcos de pesca e dos estaleiros no beiramar vigués. Na cultura, e unido "á rede de museos municipal máis importante de España", o Concello porá en valor o arte na rúa, o programa de medianeiras, que conta con obras asinadas por artistas de prestixio nacional e internacional.