Escoitar

O goberno vigués licita tres novos "macro parques infantís" por 1,1 millóns

Trátanse da renovación e ampliación dos parques da alameda de Bouzas, de Jenaro de la Fuente e de Maruja Mallo, informou este venres o alcalde. Ademais, o Concello licitou a cobertura do patio do CEIP García Barbón e adxudicou a do colexio Canicouva.

venres, 28 dec 2018
Abel Caballero informou este venres da aprobación dos expedientes de contratación de tres novos "macro parques infantís" na cidade, por importe total de 1,1 millóns de euros.

Deste xeito, o Concello abre o proceso de licitación da ampliación do parque da alameda de Bouzas por importe de 200.000 euros e que case que triplicará o seu tamaño actual, chegando ata os 400 metros cadrados. O parque infantil próximo ao instituto do Calvario pasará a ter case que 1.500 metros cadrados logo da transformación que vén de licitar o goberno vigués por importe de medio millón de euros. Por último, para o de Maruja Mallo o Concello reserva 400.000 euros de orzamento e o parque terá case que 1.200 metros cadrados de superficie.

Patios
Por outra banda, o goberno de Vigo acordou a adxudicación do contrato de obras de cobertura do patio do colexio Canicouva, que presenta un orzamento de 279.000 euros, ao tempo que aprobou licitar por 200.000 euros a do CEIP García Barbón.

O Concello, recordou o alcalde, xa acometeu a cobertura dos patios dos colexios Castelao, Carballal e Rocío, e ten en tramitación os dos centros de Balaídos (300.000 euros) e Pintor Laxeiro (317.000 euros).

Caballero anotou que varios colexios pediron ao goberno de Vigo cubrir os seus patios; é o caso do Javier Sensat, do Celso Emilio Ferreiro, do Seis do Nadal, do Villalaura, do Mestres Goldar, do Escultor Acuña, do Otero Pedraio, do Josefa Alonso, do Doblada, do Valle-Inclán, do Frian-Teis, do Fontescura, do Saladino Cortizo e do Atalaia. Todos estes, salvo o último, son públicos e "a obriga de cubrir os patios é da Xunta de Galicia", denunciou o alcalde.