Escoitar

O Pleno aproba por unanimidade a declaración de interese municipal para a escola infantil de Bembrive

Os tres grupos municipais aprobaron este mércores na sesión plenaria municipal que a obra da escola infantil de Bembrive sexa de interese municipal, de maneira que poida ter bonificacións fiscais.

mércores, 31 out 2018
A escola infantil de 0 a 3 anos que se vai a construír na parroquia viguesa de Bembrive foi declarada este mércores de interese municipal para que poida recibir bonificacións fiscais. Así o decidiron por unanimidade os tres grupos na sesión plenaria do mes de outubro.

O Concello de Vigo xestionará a nova gardería que será construída con fondos da Fundación Amancio Ortega en terreos municipais. A declaración de interese municipal presentada polo goberno local recibiu os votos favor de PSOE, PP e Marea de Vigo.

Publicidade exterior
Por outra banda, o Pleno Municipal aprobou tamén a Ordenanza Urbanística Reguladora da Publicidade Exterior en edificios públicos e privados. O PSOE votou a favor, o PP posicionouse en contra e Marea de Vigo abstívose.