Escoitar

O Concello de Vigo presenta recurso contra a decisión da Xunta de non declarar de interese o acceso do CEIP Párroco don Camilo

A Xunta de Goberno Local tomará coñecemento este mércores da interposición do recurso contencioso-administrativo contra a resolución da Xunta de Galicia que desestima a petición do Concello para aplicar a "Lei Vigo" e poder executar o acceso ao Colexio Párroco don Camilo, en San Andrés de Comesaña.

martes, 30 out 2018
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este martes de que a Xunta de Goberno Local do Concello tomará coñecemento esta semana da interposición dun recurso contra a decisión da Consellería de Educación de non incluír o acceso ao CEIP Párroco don Camilo na "Lei Vigo" e polo tanto non poder executar a obra de forma urxente.

"Os accesos ao colexio son moi perigosos, vellos, a estrada necesita unha vía de entrada nova porque alí coinciden autobuses, peóns e coches", sinalou o rexedor. Caballero sinalou que existe "risco máximo" para os escolares e criticou que a Xunta non acelere os trámites a pesares de que o Concello financia e asume unha obra que lle corresponde á administración autonómica.

O alcalde lembrou que a Xunta xa autoriza pola Lei 3/2016 unha obra nun colexio de Redondela, tamén a ampliación das instalacións de PSA Peugeot-Citroën. "É máis urxente a ampliación dunha nave que a seguridade dos nenos e nenas dun colexio? Claro que temos ferramentas urbanísticas, pero o de que se trata é de facer esa obra en seis meses e non ter que esperar tres anos", explicou Caballero.