Escoitar

O Concello inicia a reforma da Praza dos Volcáns de Coia na que inclúe unha pérgola con cascada

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou de que esta semana comezou a reforma da Praza dos Volcáns de Coia, situada no cruce de Castelao con Tomás Paredes, na que se inclúe unha cascada e unha pérgola. As obras, cun investimento de 500.000 euros, están incluídas na construción do carril bici.

xoves, 18 out 2018
1539865656161018AlcaldeVolcanes.JPG
O Concello de Vigo iniciou esta semana a reforma da Praza dos Volcáns de Coia, situada entre a Avenida de Castelao e a rúa Tomás Paredes, para humanizar toda a zona e incluír na obra novas instalacións, como unha cascada e unha pérgola.

O goberno local reconfigurará todo espazo existente aproveitando a construción do novo carril bici. Tal e como explicou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a zona estaba bastante deteriorada, con fontes que sofren constantes perdas de auga, polo que se levará a cabo un investimento de 500.000 euros.

Segundo explicou Caballero, se actuará desde o cruce con Tomás Paredes ata ven avanzada a Avenida de Castelao, coa instalación dunha cascada desde unha pérgola-ponte acristalada, así como a formación dun volcán en pezas de cerámica en cor, estilo Gaudí, cos seus correspondentes mecanismos de auga.

Praza do Emigrante
Ademais, o alcalde avanzou a renovación da Praza do Emigrante, no outro extremo da Avenida de Castelao, xa na Praza de América. A actuación manterá as pistas deportivas e parques infantís existentes, que tamén se mellorarán e suporá a continuidade do carril bici. Ademais, o proxecto vai continuar coa remodelación da Porta do Atlántico, para que se poida atravesar a praza, cruzando a glorieta, tal e como a concibiu o autor.

O rexedor destacou que serán instalados bancos continuos de diferentes formas e lonxitudes, simulando as ondas do mar e renovarase a pavimentación. O obxectivo é mellorar a funcionalidade como zona de espera dunha das paradas de autobús con máis usuarios da cidade. Estas obras, que arrancarán o mes que vén, contan cun orzamento de 450.000 euros.
Descargar todas as imaxes