Escoitar

O goberno de Vigo concede máis de 5.600 axudas ao pago de vivenda, enerxía e alimentación

O alcalde anunciou este luns a resolución da convocatoria de axudas extraordinarias a familias con menos recursos, por importe superior aos 1,6 millóns. O goberno vigués prevé aprobalo esta mesma semana e iniciar o abono dos pagos aos case 2.000 beneficiarios.

luns, 8 out 2018
1539002893tarjeta.JPG
O Concello resolveu a convocatoria con preto de 2.000 persoas beneficiarias dun total de 5.611 axudas económicas para pagos de alimentación, subministros enerxéticos e vivenda, por importe superior aos 1,6 millóns de euros. Esta cantidade forma parte dos 2,5 millóns que o goberno de Vigo reserva este ano para a loita contra os desafiuzamentos, recordou Caballero.

O goberno de Vigo concede un total de 1.937 axudas para gastos de alimentación por valor de 459.000 euros, que se trasladan aos beneficiarios a través da "tarxeta da dignidade", en verbas do alcalde, unha tarxeta tipo bancaria cargada co importe que corresponda. Ademais, o Concello da outras 1.937 axudas para facerse cargo dos gastos de electricidade e gas, por importe total de 303.000 euros.

O último dos conceptos da convocatoria é a vivenda. Neste capítulo, informou Caballero, o Concello adica 858.000 euros para un total de 1.737 axudas, das que 1.631 son para mensualidades de aluguer e outras 106, para cotas hipotecarias.

Na comparativa co ano pasado, os apoios concedidos ás familias que o precisan en materia de alimentación e enerxía permanecen estables, segundo revelou Abel Caballero, mais existe un incremento "significativo" este 2018 nos apoios dados polo Concello para pagos de vivenda: 1.454 o pasado ano polas 1.737 do presente.

"Aínda seguimos pagando un número elevadísimo de alugueres e hipotecas a familias que non poden facerlle fronte", asegurou o alcalde, quen subliñou que este programa, coñecido popularmente como "cheque social", existe únicamente no Concello de Vigo.
Descargar todas as imaxes