Escoitar

A muller como factor de cambio centra a celebración do Día Internacional Xitano

As concelleiras de Benestar Social, Belén Sío, e de Muller e Educación, Ana Gandón, asistiron aos actos organizados pola asociación de mulleres xitanas Adiquerando.

martes, 8 abr 2003
O tema da muller como factor de cambio do mundo xitano é o lema escollido para os actos conmemorativos do Día Internacional Xitano en Vigo, organizados pola asociación de mulleres xitanas Adiquerando. A convivencia entre transformación e tradicións estivo presente nos relatorios desenvolvidos durante a mañá. Á tarde, distintos grupos de traballo con participantes de tres xeracións analizarán a formación académica e o futuro do colectivo xitano.

A concelleira de Benestar Social, Belén Sío, asistiu xunto á presidenta de Adiquerando, Amalia Jiménez, á ofrenda floral que o colectivo vigués realizou no paseo do Lagares, onde se interpretou o himno xitano, primeiro en romaní e logo en castelán. Posteriormente nos locais da parroquia Cristo da Victoria, a concelleira de Muller e Educación, Ana Gandón, abordou nunha conferencia as distintas perspectivas e problemáticas derivadas da educación das xitanas.

Pola súa banda, Behnam Latifi, iraniano pertencente a unha das tribos históricas rom, anteriores ao espallamento dos calós por Europa, percorreu a historia e a formación da identidade xitana.

O Día Internacional Xitano lembra a primeira xuntanza de membros desta etnia celebrada en Londres, o 8 de abril do 1971, na que se puxeron os alicerces cara a construcción dun orgullo caló, recuperando episodios da súa historia recente, como o exterminio ao que foron sometidos polos nazis.