Escoitar

A mítica banda africana Baobab dará un concerto en Vigo

Os mestres senegaleses xuntáronse despois de vinte anos, coa producción de Youssou N’Dour, para facer unha xira europea.

martes, 8 abr 2003
1049790033baobab.jpg
Orquestra Baobab
A sala viguesa Nova Olimpia acollerá o mércores 9 de abril ás 21.30 horas un dos concertos estelares que a mítica banda africana Baobab dará en Europa tras unha ausencia entre o seu público de 20 anos. A Concellería de Festas colabora na actuación dunha das orquestras máis importantes da historia do continente africano.

O grupo de Senegal, o país que deu os máis importantes músicos do continente negro, volveuse xuntar para editar un novo disco que conta coa producción de Youssou N’Dour, un dos músicos africanos que máis fixo por combinar as raíces do seu país coas influencias europeas.

O concerto, que será levado en Vigo por Producción e Xestión Cultural e coa colaboración da Concellería de Festas e Animación Sociocultural do Concello de Vigo, terá un prezo de venda anticipada de 10 euros e 12 na taquilla. Os puntos de venda son Discos LP, Disco 3, Discos Gong e a taquilla telefónica 902-888-902.

O emblemático grupo presentará, ademais dos temas de sempre, o seu novo disco "Specialist in All Styles".

Os membros de Baobab, considerados mestres dentro e fóra do seu país, consegueron ofrecer ó seu público unha mixtura única e persoal de ritmos que lle dan unha cor cosmopolita e multicultural.

A operación de volver xuntar a tódolos membros da banda foi unha complexa tarefa de investigación e busca por distintos países, xa que algúns tocaban noutros grupos e outros volveron traballar en distintas profesións. O magnífico guitarrista Barthelemy Attiso, por exemplo, exercía de avogado no seu Togo natal. A banda, en definitiva, toca coma se nunca se tivera separada.

A peculiar orquestra formouse en Dakar en 1970 cando un grupo de ministros do goberno senegalés creou un club discreto no que puideran xuntarse.
Descargar todas as imaxes