Escoitar

O Concello agarda autorización de Patrimonio para avanzar en obras por valor de 29 millóns

Abel Caballero informou este luns de que a Xunta de Galicia ten actualmente paralizadas un total de once obras en Vigo debido á falta de autorización do departamento de Patrimonio.

luns, 27 ago 2018
Un total de once obras postas en marcha polo Concello de Vigo están actualmente paralizadas debido á falta das autorizacións do departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia. Así o indicou este luns o alcalde de Vigo, Abel Caballero, durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación.

"Estamos ante un intento da Xunta de paralizar os proxectos da cidade por razóns electorais", sinalou o rexedor. Segundo explicou, agora mesmo hai once obras que non poden avanzar pola falta dos permisos do goberno autonómico.

O alcalde enumerou os casos nos que falta a autorización de Patrimonio, desde a humanización da Avenida de Camelias (entre Juan Ramón Jiménez e Hispanidade), cun orzamento de 2,35 millóns, ata as alegacións dos proxectos de Vigo Vertical para a Gran Vía, dotado cun investimento de 5,2 millóns procedentes de fondos europeos, e da Porta do Sol, enviadas o 6 de xuño e cun inversión de 16,3 millóns.

Ademais, tamén acumulan atrasos da Xunta os informes das humanizacións da Avenida García Barbón (de Serafín Avendaño a Rosalía de Castro), con 512.000 euros; da rúa Travesía Escolas Públicas (294.000 euros); da Ronda de Don Bosco (1,8 millóns); García Barbón (entre Rosalía de Castro e Isaac Peral), con 1,2 millóns; saneamento e abastecemento da rúa Venezuela (entre Marqués de Alcedo e Taboada Leal), con 400.000 euros; o campo de fútbol da Mina (300.000 euros) e a mellora da rede de abastecemento de Teis (Colexio San Salvador).

Tamén indicou o rexedor que a non aplicación da Lei Vigo, destinada a proxectos de interese xeral, impide a construción do pavillón de Romil, entre outros proxectos.