Escoitar

Caballero reclama que o Punto de Encontro Familiar de Vigo funcione durante todo o ano

O alcalde de Vigo lamentou as dificultades que sofren as familias ao estar pechado durante a segunda quincena de agosto o Punto de Encontro Familias que xestiona a Xunta. "O peche débese a que non compensa economicamente que estea aberta, porque hai vacacións e deben cambiar ao persoal", sinalou.

mércores, 22 ago 2018
Abel Caballero reclamou este mércores a reapertura do Punto de Encontro Familiar de Vigo que presta atención ás familias e que estará pechado desde o día 13 ao 28 de agosto por vacacións dos traballadores.

O alcalde sinalou que a o peche das instalacións dependentes da Xunta de Galicia "está a causar un problema grave" a un número importante de menores e aproximadamente a 200 familias debido "a absoluta imprevisión da Xunta".

Segundo explicou Caballero, o Punto de Encontro Familiar é utilizado por "parellas separadas, polo que ten unha grande importancia, non é unha cuestión secundaria na atención a menores". O rexedor incidiu en que non pode entender o peche do lugar a causa das vacacións dos traballadores, posto que non é unha causa excepcional.

"O peche débese a que non compensa economicamente que estea aberta, porque hai vacacións e deben cambiar ao persoal, a empresa non o fai e a Xunta non di nada. O resultado é que a día de hoxe non hai punto de encontro operativo", sinalou o alcalde.