Escoitar

O goberno de Vigo adxudica a nova praza en Sanjurjo Badía co Barrio das Flores

O alcalde deu conta este luns da adxudicación desta nova humanización en Teis, cun orzamento de case 600.000 euros. O goberno vigués tamén adxudicou o servizo de socorrismo en praias e aprobou as bases para apoiar con 300.000 euros ao movemento asociativo.

luns, 28 mai 2018
Abel Caballero informou este luns da adxudicación das obras de humanización do encontro entre Sanjurjo Badía co Barrio das Flores, creando unha nova "praza de ocio urbano" nun espazo que agora está "ocupado por coches e un pouco caótica", indicou.

A licitación desta mellora saíu cun orzamento de 595.000 euros, apuntou o rexedor. A humanización executarase nun treito entre a rúa Nardos e a rúa Santander e significará unha ampliación das beirarrúas, nova pavimentación, retranqueo e renovación do muro, substitución de redes soterradas de servizos, nova e ampliada rede de alumeado, rego e novo arborado.

Socorrismo
A Xunta de Goberno Local adxudicou igualmente a vixilancia, socorrismo, salvamento e asistencia sanitaria en dez praias de Vigo para este verán. Segundo apuntou o alcalde, o servizo -que ronda o millón de euros para este e o próximo ano- prestarase na Punta, en Tombo do Gato, Argazada, Samil, O Vao, Fontaíña, Canido, Fortiñón, Rodas e Figueiras, desde mediados de xuño ata mediados de setembro.

Este contrato tamén inclúe a seguridade e accesibilidade ao baño das persoas con mobilidade reducida, as cadeiras anfibias nos meses de xullo e agosto no Vao e Samil, co mesmo sistema de funcionamento que en veráns anteriores.

Abel Caballero vinculou estes servizos á renovación das doce distincións que Bandeiras Azuis concedeu a Vigo este ano, todas as que solicitou o Concello. A cidade conta coas nove praias pedidas e con tres sendeiros azuis: Camiño do Lagares, Senda entre faros nas Illas Cíes e Senda litoral e do monte da Guía.

Asociacionismo
O goberno vigués aprobou as bases para conceder 298.000 euros de apoio ás entidades veciñais e culturais da cidade sen ánimo de lucro. Caballero afirmou que a convocatoria, que se resolverá por concorrencia competitiva, prevé adicar unha metade do importe total a subvencionar gastos de mantemento das asociacións e a outra metade, a obras e adquisición de material e equipamento por parte destas.