Escoitar

O goberno de Vigo apoia con 70.000 euros a creación de empresas na cidade

O Concello vén de aprobar as bases e a convocatoria do programa, que subvenciona os gastos de posta en marcha e primeiros meses da actividade empresarial. Por outro lado, Abel Caballero informou da aprobación do convenio cos centros educativos para xestionar as axudas que concede o Concello ao alumnado por 2 millóns.

xoves, 10 mai 2018
A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a convocatoria e as bases reguladoras das axudas municipais á creación de empresas. O Concello, revelou Caballero, reserva 70.000 euros para apoiar a posta en marcha de novos proxectos empresariais, con especial atención á situación social dos promotores que creen o seu propio posto de traballo e prioridade para os colectivos con maior dificultade de inserción laboral.

Poden optar todos aqueles que iniciaran a súa actividade empresarial entre o 1 de abril do pasado ano e o 31 de marzo de 2018. O Concello subvenciona con ata 3.000 euros a posta en marcha e primeiros meses da actividade empresarial, un respaldo por exemplo para os gastos de constitución e apertura, existencias iniciais de mercadoría, gastos de aluguer, primas de seguros, subministros e gastos corrientes, dereitos de propiedade intelectual ou o imposto de vehículos de tracción mecánica.

Aqueles interesados poderán presentar as súas solicitudes a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, e ata o próximo 8 de xuño.

Política social
Abel Caballero informou doutros asuntos abordados na Xunta de Goberno Local celebrada este xoves, como a aprobación dos convenios de colaboración cos centros educativos da cidade para a xestión das axudas de comedor, libros e material escolar que concede o Concello ao alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria.

Segundo explicou Caballero, o acordo será subscrito con 82 centros e fará posible a xestión dos case dous millóns de euros que adica o goberno de Vigo a outorgar axudas de comedor, libros e material escolar.

También de ámbito social, o rexedor trasladou a adxudicación provisional da vixilancia nas UBAS de Coia, Rivera Atienza, Teis e do Casco Vello, e en CEDRO, servizo para o que o Concello reserva preto de 300.000 euros. Abel Caballero puxo en valor que o Concello pague este centro de tratamento clínico para drogodependentes, "encadrable" nas competencias da Xunta de Galicia.

Por outra banda, o goberno de Vigo validou a subvención de 25.000 euros ao CRAC de Coruxo para levar adiante unha ludoteca no Colexio Tintureira, un espazo de ocio educativo que posibilita ademais, valorou Caballero, a conciliación laboral e familiar.

Por último, o goberno de Vigo encomenda a Aqualia a instalación da rede de saneamento na rúa Fontiña, en Cabral, un colector de case un cuarto de quilómetros de lonxitude para conectalo co do Lagares.