Escoitar

Caballero desexa "longa vida ao Rallye Rías Baixas", que volve este venres e sábado con récord de inscrición

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou hoxe o 52 Rallye Recalvi Rías Baixas, que regresa ás estradas de Vigo e da súa área de influencia dentro do Campionato de Galicia de Rallyes sobre asfalto 2018.

martes, 8 mai 2018
1525801249RallyRiasBaixas.jpg
Acompañado por Chema Rodríguez, director xeral de Recalvi e "promotor do rallye", como explicou o rexedor, do presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral, do edil de Deportes, Manel Fernández, e de dous pilotos de referencia como o histórico Beny Fernández e Alberto Meira, o alcalde valorou o pulo dado por Rodríguez a esta histórica proba pois "ten moito que ver na nosa presenza no rallye e en que todo isto marche por tan bo camiño", dixo o xefe do goberno municipal.

Porque a proba, que se disputa este venres 11 e sábado 12 (parque pechado en Samil, onde terá lugar a entrega de trofeos a noite do sábado, e presenza dos vehículos en Príncipe o venres polo serán), volve coa máxima expectación entre os pilotos. "Partimos dunha inscrición incrible, limitada a 150 coches por cuestións de horario porque si non se colapsaría", explicaba Rodríguez, que lembrou que o Rías é "unha proba deportiva de tanta tradición, das máis importantes de Galicia". Ademais, sostivo que "sen eles" (por Concello e Deputación) "o rallye non se tería retomado".

Caballero, pola súa banda, "contento con este rallye", incidiu en que "nos incorporamos para a potenciación do rallye e do automobilismo e queremos a presenza do rallye na cidade". Os 150 vehículos inscritos estarán en pleno centro, en Príncipe, "para que se lles vexa ata que saian para Gondomar a iniciar a carreira", explicou. A previsión de partida do parque pechado de Samil é este venres ás 18:20 horas cara a Porta do Sol. O único tramo cronometrado desa primeira xornada será en Gondomar ás 19:43.

O alcalde confía en que se verá "un gran rallye polo medio destes dous actos en Príncipe e a entrega de premios en Samil". E desexou "moi longa vida ao rallye e os mellores éxitos a quen participa".

Recalvi, patrocinador privado principal do evento, anunciou tamén os plans de futuro: "Foi a mellor proba de España de rallyes nos últimos anos e é fantástico volver retomalo. Sen a axuda do Concello e a Deputación non se podería facer e a idea é consolidalo o ano que vén, volver ás cotas que tiña anteriormente e achegalo aínda máis a Vigo".

A formulación é poder realizar en 2019 "un tramo urbano como se facía en Samil ou no Castro hai anos".

Caballero e Rodríguez tamén destacaron a figura do presidente federativo, Iván Corral, "que foi un dos que empurrou para que esta proba saíse adiante". O alcalde, ademais, pechou o acto chanceando sobre os dous pilotos asistentes. "Non son malos, non". O vigués Beny Fernández conquistou o Rías en 1981, 1982 e 1983, unha fazaña non conseguida por ninguén máis, e o gondomareño Meira, en 2012.

A nova edición do rallye máis antigo de Galicia (1963) é a terceira de nove probas puntuables para o Galego de rallyes sobre asfalto, que vai de febreiro a novembro. Xa se disputaron os rallyes de Narón e A Coruña.

Serán 97,90 quilómetros contra o reloxo en cinco seccións e nove tramos cronometrados (en catro das seccións o tramo vaise pasar dúas veces). Vigo, Gondomar, O Porriño, Ponteareas, Salceda de Caselas, Mondariz e Covelo son os concellos que toca o rallye.

A proba puntúa, ademais de para o Galego de rallyes, para a Copa Galicia de pilotos, de copilotos e de escuderías e para catro copas de promoción (Copa Top Ten Pirelli-Castrol / Volante F.G.A. - 2ª Promoción Xoven Piloto 2018 de Galicia / Copa Pirelli AMF MotorSport / Copa Iniciación Recalvi).

O rallye conta con 7.600 euros en premios que se reparten entre os seis primeiros da xeral e os tres primeiros de cada unha das cinco agrupacións (categorías en función do tipo de vehículo). Da cantidade total, 1.600 euros son para o equipo campión.
Descargar todas as imaxes