Escoitar

Contas determina que Vigo foi o único concello galego sen reparos de Intervención en 2014 e 2015

O alcalde valorou este venres o informe "de excelencia" do Consello de Contas correspondente a estes dous anos, prazo no que a Intervención viguesa non firmou ningún reparo mentres que nas outras cidades galegas se gastaron 65 millóns de euros pese ás obxeccións de Intervención.

venres, 16 feb 2018
Abel Caballero resumiu o documento de Contas como "un informe de excelencia para unhas contas de excelencia" pois reflicte a ausencia de reparos e recoñece a "transparencia" do Concello ao enviar toda a documentación en prazo, rexistrar todas as facturas e ter cumpridas as bases de execución e os procedementos.

Ademais, segundo engadiu o alcalde, "o informe di que Vigo é a única cidade galega na que a Intervención municipal non asinou nin un so reparo en dous anos", mentres que no resto das urbes galegas se gastaron en total sobre 65 millóns de euros con obxeccións da Intervención: "en Vigo, nin un so euro gastouse con obxección, nin un, porque non houbo ningunha obxección".

A Intervención do Estado e o Tribunal de Contas, apuntou Caballero, fan recomendacións "que nós estudaremos, e con toda seguridade trataremos de seguir as indicacións que dan", mais subliñou o "excelente" dun informe que para Vigo constata que non houbo reparos da Intervención municipal.