Escoitar

O Concello de Vigo aproba a construción da nova pista de skate, BMX e Roller en Navia

O alcalde destacou que a nova instalación dedicada á cultura urbana suporá un investimento de 300.000 euros e conta cun prazo de execución de catro meses. "Vai a ser un Mariquisño estable", asegurou Caballero en referencia ás diferentes modalidades a practicar na pista.

xoves, 15 feb 2018
A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobou este xoves a clasificación de ofertas (adxudicación provisional) da nova pista de skate, BMX e Roller Vert Wall en Navia por un importe de 300.000 euros e un prazo de execución de catro meses.

A instalación dedicada á cultura urbana finalizará, segundo explicou o alcalde, a urbanización do actual parque, no cruce das rúas Pedra Seixa e Limpiño. A nova pista dará cabida á práctica de actividades relacionadas cos deportes de Roller, Skate y BMX, terá aproximadamente 2.000 m2, dividida en dous sectores diferenciados, unha zona de "bowl" e outra de "street".

"Vai a ser un Marisquiño estable en Navia e súmase ao parque que fixemos en Barreiro por importe de 44.000 euros e á remodelación da pista de O Castro, que está pendente do informe de Patrimonio da Xunta", asegurou Abel Caballero.

Auditorio Municipal
Por outra banda, o alcalde anunciou a integración do Auditorio Municipal do Concello na Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuítos e Festivais de Titularidade Pública, asociación cultural sen ánimo de lucro constituída no ano 2000 e que conta con 155 espazos asociados en España, 12 en Galicia.

"Entre os principais beneficios están os proxectos patrocinados pola propia Rede, como circuítos de danza, a escola de verán e a "Redescena", que sirve de vínculo entre os diferentes axentes das artes escénicas... en definitiva supón a dinamización do auditorio, que xa está tendo un éxito notable", sinalou Caballero.

Fundación Laxeiro
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a transferencia do Concello á Fundación Laxeiro para o seu funcionamento en 2018. O importe total é de 80.000 euros, dun orzamento anual de 122.652 euros, e o alcalde explicou que a Xunta aporta 15.000 euros e a Deputación outros 12.000 euros.