Escoitar

O Concello amplía con 475.000 euros as subvencións para rehabilitación de vivendas

O alcalde avanzou este venres a apertura dunha convocatoria de axudas para rehabilitar edificios e vivendas no Casco Vello, no casco histórico de Bouzas, en Santa Clara e nas rúas Moaña e Bueu, en Coia, como parte da prórroga do Plan Estatal 2013-2017 ao que o Concello achega un total de 786.000 euros.

venres, 1 dec 2017
Abel Caballero informou este venres da aprobación da convocatoria de subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas nas Áreas de Rehabilitación Integral de Vigo, autorizando un gasto de 475.000 euros para reformas no Casco Vello, no casco histórico de Bouzas, no grupo de vivendas Santa Clara e nas rúas Bueu e Moaña, en Coia. A próxima sesión do Consello da Xerencia municipal de Urbanismo, que terá lugar o vindeiro martes, dará luz verde ao expediente.

Esta convocatoria contempla ata 150 actuacións e corresponde á prórroga para 2017 do Plan Estatal de Vivenda 2013-2016, dotado de 3,2 millóns de euros. O Ministerio de Fomento destina 1.050.000 euros e o Concello de Vigo achega 786.000 euros en total, mentres que a diferencia a abonan os propios particulares. Caballero denunciou que neste Plan a Xunta de Galicia non adica partida económica algunha.

Panificadora
Na mesma sesión, a Xerencia de Urbanismo tomará coñecemento da remisión á Xunta de Galicia do borrador e do documento ambiental estratéxico para a modificación puntual do Plan Especial do Casco Vello de Vigo na zona da Panificadora.

Unha vez recibido o borrador e o documento estratéxico, explicou Caballero en rolda de prensa, o goberno de Vigo solicita á Xunta de Galicia que informe sobre a avaliación estratéxica simplificada dunha modificación impulsada para adaptar o Plan Especial ao proxecto arquitectónico gañador do concurso de ideas para a recuperación da Panificadora.

Cando a Xunta de Galicia informe sobre o documento ambiental, o Concello de Vigo estará en disposición de aprobar esta modificación puntual do Plan Especial do Casco Vello. O alcalde recordou que os orzamentos municipais reservan 2,5 millóns para a rehabilitación do inmoble industrial e a súa reconversión en equipamento público de uso socio-cultural.