Escoitar

A montaxe da cuberta da grada de Río manterá cortada ao tráfico a Avenida Citroën

O alcalde informou este xoves do corte da circulación na Avenida entre as rúas Val Miñor e Olímpicos para instalar as estruturas da cuberta da grada de Río de Balaídos e apuntou que as obras "seguen os prazos previstos".

xoves, 17 ago 2017
"A grada de Río estará enteiramente operativa o sábado, tal e como comprometemos" para o partido contra a Real Sociedade que se celebra no estadio pola tarde. Segundo explicou Abel Caballero, a metade dos asentos está renovada, con pezas cómodas e idénticas ás da grada de Tribuna, de maneira que "as obras seguen os prazos previstos".

Por mor dos traballos nesa grada, dende o próximo martes, quedará cortada ao tráfico a Avenida Citroen entre as rúas Val Miñor e Olímpicos, xa que se precisa ese espazo para instalar as seis estruturas metálicas que soportarán a cuberta da grada e a Tribuna de Río. Teñen que montarse para que o guindastre as coloque posteriormente.

Así, o tráfico será desviado ao redor do campo, quedando a circulación en dobre sentido en Val Miñor e Olímpicos. Amais os desvíos están sinalizados na contorna do Estadio para facilitar o tránsito aos vehículos.