Escoitar

O Xornal Dixital estrea novo deseño

A web municipal continúa a súa aposta pola sociedade da información cun servicio de correo de identificación cidadá, a obtención de volantes de empadroamento en liña e a realización de pagamentos de taxas e impostos.

luns, 10 mar 2003
1047304559xornal1.jpg
Portada do anuario
O alcalde, Lois Castrillo, presentou as novidades da web municipal entre as que destaca o renovado deseño e inclusión de máis utilidades do Xornal Dixital. O departamento de prensa publicou o anuario de 2002 cunha escolma de informacións das concellerías que dan conta dos programas realizados polo Goberno municipal. Os interesados en conseguir un exemplar deste anuario deben enviar un correo a xornal@vigo.org co nome e enderezo postal.

Incorporar novos servicios á web municipal axudará a que os cidadáns comproben a utilidade das novas tecnoloxías, pero tamén a mellorar a eficacia e a rapidez da administración. Trala incorporación dun sistema de seguimento de expedientes urbanísticos a través de internet, poderase realizar nos vindeiros meses o pagamento de taxas e impostos ou a expedición de volantes de empadroamento.


Pasarela de pagamento

Para o inicio do período de cobranzas municipais os cidadáns de Vigo poderán pagar dende a súa casa as taxas e impostos municipais. Nesta primeira fase do desenvolvemento, só estará operativa a ferramenta para os usuarios de Caixa Galicia.

Os cidadáns só deberán cubrir un recibo virtual no computador cos mesmos datos que aparecen no recibo que chegue á casa. Débense engadir os datos bancarios para facer o pagamento. Os cidadáns non terán pois que desprazarse ao Concello nin ás entidades bancarias para realizaren os pagamentos anuais, e así tamén se axilizará grandemente a xestión administrativa.

Todo o proceso de pagamento está suxeito a un procedemento seguro, dependente das entidades bancarias, co que se garante a pulcritude da operación.

Empadroamento

Os cidadáns poderán solicitar un volante de empadroamento, un documento que acredite estar inscritos no padrón da cidade de Vigo. Dende a última semana xa está en funcionamento na web municipal un servicio para poder solicitar e imprimir dende a casa o volante de empadroamento. Esta é unha utilidade pioneira na internet galega, e coloca unha vez máis a Vigo á cabeza da administración electrónica peninsular.

Tamén é posible solicitar o volante de empadroamento doutro familiar que viva na mesma vivenda do usuario, ou incluso un documento acreditativo de todos os membros da familia que empadroados no mesmo enderezo.

A utilidade na web municipal acompáñase dun módulo para que as entidades que reciban o volante de empadroamento expedido por internet poidan comprobar, tamén en liña, a súa veracidade.

Desta forma búscase facilitarlle os labores aos cidadáns, que non teñen que desprazarse ás oficinas municipais, pero tamén axilizar o funcionamento da administración.

Correo web

Como ferramenta fundamental para a extensión da sociedade da información en Vigo, o Concello vai ofrecerlles aos cidadáns unha conta de correo exclusiva para impulsar a súa relación coa administración a través de internet.

Con base nos seus datos de empadroamento, todos os vigueses
poderán gozar dunha conta @vigohoxe.org, que será ofertada gratuitamente polo Concello. A conta permitiralle realizar todas as operacións e xestións desenvolvidas polas contas de correo habituais, pero disporá ademais de importantes ventaxes.

A principal será, sen dúbida, que o Correo de Identificación Cidadá funcionará como un certificado de garantía para as relacións do cidadán coa administración. O Concello coñecerá en todo momento quen é o cidadán que se pon en contacto con el electronicamente e poderá realizar con el algúns trámites e servicios exclusivos.

Diversas solicitudes, xestións e trámites municpais poderanse realizar a través de internet só mediante o emprego do Correo de Identificación Cidadá, no que é o máis ambicioso dos pasos de implantación dunha verdadeira administración electrónica no contorno máis inmediato.

Ademais, o Concello adquire un compromiso para estender o emprego desta conta de correo entre distintos colectivos (asociacións, nenos e nenas en idade escolar...) como un reto máis do seu afán por integrar a cidadanía na sociedade da infromación. Para iso realizaranse accións de sensibilización.
Descargar todas as imaxes