Escoitar

Vigo conmemora o Día internacional da muller traballadora

A Concellería da Muller inaugura a "Casa das Mulleres" e as novas instalacións do Centro municipal dos dereitos da muller, ademais de animar á participación da manifestación que sae ás 20:00 da praza Oito de marzo, en Camelias.

venres, 7 mar 2003
A "Casa das Mulleres" nace coa idea de contar cun espacio utilizable tanto pola Concellería da Muller como polas asociacións e colectivos de mulleres da cidade. "Este espacio era unha asignatura pendente do Goberno municipal, destinado a pór a disposición dos colectivos salas onde poidan impartir cursos, realizar reunións, exposicións e conferencias", afirmou a concelleira Ana Gandón. Permanecerá aberta todas as tardes de 18:00 a 21:00 horas.

A "Casa das Mulleres" conta con tres aulas espaciosas, unha oficina e un almacén-arquivo. Desenvolverase un programa de actividades organizado desde a concellería por diferentes asociacións de mulleres.

Manifestacións

As manifestacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres desenvolveranse co lema "Nin guerras, nin machismo, nin mareas. Nunca máis chapapote patriarcal".

A manifestación partirá o sábado 8 de marzo ás 20:00, desde a praza 8 de marzo (Camelias) e previamente, a partir das 19:00 haberá actuacións, música, poemas...

O acto unitario será o domingo 9 de marzo ás 12:00, cunha caravana de automóbiles desde o recheo de Cee ata Fisterra. Ás 13:00 celebrarase unha manifestación no peirao de Fisterra.