Escoitar

O Concello recibiu 24 solicitudes de fogueiras para esta noite de San Xoán

O Concello xa ten en marcha o dispositivo de seguridade, limpeza e transporte para a noite de San Xoán. Así o dixo esta mañá o rexedor, quen avanzou que o número de solicitudes de cacharelas este ano ascende a 24.

mércores, 21 xuñ 2017
O alcalde de Vigo deu conta esta mañá da solicitude de 24 autorizacións para organizar cacharelas na noite de San Xoán e, tal e como advertiu, a partir de mañá xoves o servizo de Bombeiros as inspeccionará para verificar que cumpren coas normas de seguridade. Os seguintes colectivos son os que pediron permiso: San Mamede Zamáns; CSCR Beade; AVCD San Xurxo de Saiáns; AVCD Monte da Mina Castrelos; AVV Nosa Terra Alcabre; Nautilus San Andrés de Comesaña; Comisión Festas San Xoán Bautista; Aero Club Vigo; Asociación veciñal e cultural Casco Vello; Asociación veciñal Doutor Casas Bouzas; UVCB Candeán; Asociación Atlántida de Matamá; Asociación de Veciños de Cabral; CRAC Coruño; Asociación Veciñal Novo Vigo; Asociación Veciñal Curva de San Gregorio; Centro veciñal de Valadares; Asociación veciñal de Teis; Amigos do Seixo (Beade); Val do Fragoso; Comerciantes do Xeral; Praza da Miñoca; Entidade Menor de Bembrive e Asociación Festas da Xuventude.

Caballero tamén anunciou hoxe mércores un dispositivo especial de limpeza, formado por 61 persoas e 25 vehículos. O Concello disporá dos seguintes medios técnicos: 8 tractores con pala; dúas cribas; 2 camións porta-colectores; 2 cisternas de baldeo; 2 vehículos todo terreo; 7 camións de caixa aberta; 1 baldeadora e 1 varredora. Desde o punto de vista dos medios humanos, contarase con 25 operarios a pé para os arenais, 23 condutores e 13 operarios para o centro da cidade.

O servizo de transporte tamén se verá reforzado con autobuses cada 5 minutos entre o centro da cidade e Samil, e viceversa. A primeira viaxe sairá ás 23,15 desde García Barbón e cada 15 minutos haberá un autocar con destino á zona de praias co seguinte percorrido: Policarpo Sanz- Paseo de Alfonso- Camelias- Avenida Castelao- avenida de Europa- Tomás Paredes- Avenida Atlántida e Samil. A esta liña especial, sumaranse as actuais N1 e N2. Ademais, desde as 19,00 h todas as liñas regulares a Samil disporán dun servizo de reforzo.