Escoitar

O alcalde eloxia o acordo da Deputación coa Parroquia de Santa Mariña para conservar o "patrimonio artístico" vigués

Caballero asistiu hoxe martes á sinatura do convenio entre a Deputación de Pontevedra e a Parroquia de Santa Mariña de Cabral, segundo o cal a Escola de Canteiros do organismo provincial elaborará un cruceiro e restaurá unha pía bautismal de 1.727. O rexedor saudou un compromiso que "significará seguir mantendo o patrimonio artístico de Vigo".

martes, 20 xuñ 2017
1497963098convenio.JPG
Na mañá deste martes, a Alcaldía acolleu a sinatura do convenio rubricado pola presidenta da Deputación de Pontevedra e primeira tenente de alcalde do Concello, Carmela Silva, e o párroco de Santa Mariña de Cabral.

O acordo ten por obxecto elaborar un cruceiro e restaurar unha pía bautismal do ano 1.727, ademais de realizar unha base para a mesma. Os traballos correrán a cargo da Escola de Cantería dependente do organismo provincial. Ambas pezas estarán emprazadas no xardín colindante á igrexa de Santa Mariña de Cabral, tal e como apuntou o alcalde en declaracións posteriores.

Xunta de Goberno Local
Abel Caballero deu conta de dous asuntos xa validados polo goberno vigués, dúas novas accións coas que "seguimos no proceso de levar adiante as melloras na cidade a velocidade de cruceiro".

Por un lado, o alcalde informou da contratación dos servizos para o funcionamento e atención da biblioteca que o Concello abriu no Auditorio Mar de Vigo, por importe de 191.000 euros. O rexedor recordou que esta nova instalación, con 450 prazas, converteuse na "maior sala de lectura de Galicia" este mesmo ano, desde que foi aberta pola administración local.

En segundo lugar, o goberno de Vigo aprobou o convenio de colaboración para o desenvolvemento do SeaFest, o Festival do Mar de Vigo, promovido pola Cooperativa de Armadores. O Concello achega ao evento 105.000 euros aos que se suman outros 50.000 euros da Deputación de Pontevedra, tal e como anotou Caballero.
Descargar todas as imaxes