Escoitar

O Concello promove unha fin de semana chea de actividades infantís no Parque de Castrelos

O alcalde convidou este mércores a todas as familias a achegarse ao Parque de Castrelos esta fin de semana, onde terá lugar "A Festa das Nenas e dos Nenos", en horario de mañá e tarde e entrada de balde, con xogos, obradoiros, inchables, actividades deportivas e de baile, e unha tirolina que cruzará o río Lagares.

mércores, 21 xuñ 2017
O alcalde, Abel Caballero, anunciou este mércores a "novidade" da celebración no Parque de Castrelos de "A Festa das Nenas e dos Nenos", unha proposta municipal para a primeira fin de semana das vacacións escolares, este sábado e domingo, 24 e 25 de xuño, de 11 a 14h e de 16 a 20 horas.

Segundo explicou Caballero, esta iniciativa propón actividades para a infancia e as familias, con diferentes áreas de xogos, obradoiros de chapas personalizadas, de globoflexia, pintacaras, recortables 3D e de cociña saudable, inchables, rocódromo e unha tirolina que cruzará o río Lagares.

Os que acodan a Castrelos poderán atopar tamén un obradoiro de fitness e zumba, outro de baile e un flashmob, que será só na xornada do sábado. Haberá tamén dous robots personalizados tamaño real e a presenza de vehículos e material de Bombeiros, Protección Civil e Policía Local e Nacional, entre outras.

Boa parte das actividades organizadas contarán coa sombra das árbores do parque, no caso de que a fin de semana traia altas temperaturas. O alcalde quixo destacar ás entidades privadas que colaboran co Concello neste evento, como son Ford Galmotor, PSA Retail Citroën, Froiz e Gadis.