Escoitar

O goberno de Vigo adica este ano case 2 millóns de apoio ao deporte de base e elite

Abel Caballero indicou que a Xunta de Goberno Local aprobou o convenio por 20.000 euros coa SCD Atlántida de Matamá, entidade de elite que milita na Segunda División Nacional Feminina e que ademais desenvolve un programa de promoción do deporte de base en Vigo. Para base e elite, o Concello destina case 2 millóns de subvencións este ano.

martes, 16 mai 2017
Segundo informou este martes o alcalde de Vigo, a Xunta de Goberno Local aprobou o convenio de colaboración coa Sociedade Cultural e Deportiva Atlántida de Matamá, un acordo polo cal o Concello lles achega 20.000 euros para a súa función deportiva como club de elite.

Caballero explicou que a SCD Atlántida de Matamá compite na Segunda División Nacional Feminina, ademais de desenvolver un programa de promoción do deporte de base na cidade.

O alcalde recordou que as contas deste ano do Concello de Vigo reservan preto de 2 millóns de euros para subvencións a deportistas individuais e clubs de elite da cidade e a entidades deportivas que traballan coa base.

Vente con Nós
A sesión da Xunta de Goberno Local validou igualmente o convenio de colaboración coa Agrupación de Centros Deportivos e Culturais para a organización da edición deste ano do programa "Vente con Nós". O Concello apoia a celebración desta proposta cultural con 13.500 euros.

A achega municipal servirá para o desenvolvemento dun circuito de corenta actuacións polos barrios e parroquias de Vigo, das que participarán vinte grupos de música, danza e canto tradicionais e outras cinco formacións de teatro.