Escoitar

O goberno de Vigo prevé crear 800 postos de traballo este ano cos programas de emprego

O alcalde explicou que ao orzamento dedicado á xeración de postos de traballo de forma directa, de 5,4 millóns de euros, hai que sumar o emprego que crean as humanizacións que se realizan na cidade e que supoñen un investimento de 25 millóns de euros.

martes, 18 abr 2017
Desde primeiros de abril está en funcionamento a primeira quenda do programa Vigo Emprega deste ano 2017, co que o Concello contratará a 111 persoas entre os meses de abril e setembro. Na segunda quenda, entre outubro e marzo de 2018, empregaranse outras 111 persoas, o que fai un total de 222 persoas que conseguirán un posto de traballo ao abeiro deste programa.

A tenor destes datos, Abel Caballero sinalou que neste 2017 o seu goberno destinará máis de 5.400.000 euros á xeración de emprego directo, coa previsión de crear arredor de 800 postos de traballo, o que significa "a xeración de 2.400 empregos directos e indirectos" ao aplicárense os cálculos das políticas keynesianas.

O rexedor vigués puxo en valor o "esforzo moi importante" que realiza o Concello en materia de emprego xuvenil co desenvolvemento de dous programa específicos, un de formación a través del Fondo Social Europeo de máis dun milón de euros e outro de axuda ao emprendemento cun importe de 200.000 euros.

Amais Caballero apuntou que o goberno municipal dispón de axudas ao fomento da contratación directa e a estabilidade laboral dos contratos da mocidade nas empresas e prepara novos obradoiros cun importe de 200.000 euros cada un.

O Concello conta tamén con programas de xeración de emprego para un perfil amplo como o "Vigo Capacita" ao que dedica 300.000 euros, a convocatoria de axudas para que as ONG contraten persoal cun orzamento de 1 millón de euros ou as axudas a Conxemar e Seafood de 250.000 euros.

O alcalde afirmou a vontade do seu goberno de "seguir adiante co programa de emprego" ao que debe sumarse a creación de postos de traballo que supoñen as obras de humanización que promove o Concello, cun investimento de 25 millóns de euros.