Escoitar

A Challenge Cup encherá os pavillóns de Navia e Bouzas entre o 28 e o 30 de abril

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou esta mañá a Challenge Cup, cuarta competición continental que a Eurozona da IWBF (Federación Internacional de Baloncesto en Cadeira de Rodas) concedeu a Vigo do 28 ao 30 de abril e que se disputará nos polideportivos municipais de Navia e Bouzas (Pavillón Pablo Beiro). O complexo de Navia, construído en 2010, verá por vez primeira unha fase final continental.

luns, 17 abr 2017
1492433447amfiv.JPG
É a terceira oportunidade que o Amfiv organiza unha fase final das copas de Europa trala Willi Brinkmann de 2006 e a André Vergauwen de 2009, ambas entre Bouzas e As Travesas, aínda que será a primeira ocasión que Vigo reciba a Challenge Cup, a competición europea máis nova pois se creou en 2009. "É este un momento emocionante porque estamos presentando unha copa de Europa... e non será a derradeira", dixo o rexedor dirixíndose a José Antonio Beiro, presidente do Club Deportivo Amfiv, que o acompañaba na rolda de prensa xunto ao concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e directivos (Manuel Veiga, Carlos González e José Manuel Alvelo) e xogadores (Shelley Cronau, Santi Comesaña e Salvador Zavala) do equipo vigués.

Caballero agradeceu o visto bo da IWBF por aceptar Vigo como sede da fase final e felicitouse e felicitou ao Amfiv por "ser quen de ter unha competición desta envergadura; foi unha pelexa ardua conseguila", dixo.
O alcalde afirmou que "somos felices porque está o Amfiv e imos tratar de gañar a copa; nunca hai límites para a ambición" e recoñeceu que "imos presenciar un excepcional evento deportivo" que terá entrada gratuíta.

Pola súa banda, Beiro asegurou que "o equipo vaina a pelexar e merecémonos gañar unha tras perder tres finais" (2006, 2008 e 2010). O dirixente vigués afirmou que "creemos que nos tocou o grupo doado, pero nos cruces esperará un conxunto alemán ou suízo, de ligas moi fortes, moi por enriba da liga española. Intentaremos polo menos chegar ás semifinais e logo soñaremos...", explicou.
Ademais, no encontro cos medios anunciouse que o Amfiv chegou a un acordo coa Hermandad de Donantes de Sangre, que será visible as tres xornadas de competición. "Queremos animar á xente a que doe sangue", apuntou.

O Amfiv clasificouse directamente como equipo anfitrión. Os sete rivais acceden a Vigo 2017 duns torneos previos disputados por concentración en marzo pasado.
Vigo verá un total de 18 partidos en tres días (de venres a domingo) con entrada de balde grazas ao patrocinio do Concello.

A Challenge Cup mobilizará a medio cento de persoas para que a organización sexa perfecta. O Amfiv conta co apoio incondicional de numerosos voluntarios do Baloncesto Seis do Nadal.
O Amfiv, cos seus partidos na sede de Navia, empeza con Marsella ás 12:00 do venres 28, ese serán enfróntase ao Devedo holandés (18:15) e o sábado pola mañá medirase ao equipo londinense.
O mesmo sábado 29, ás 18:15 horas, xogaranse ao tempo as semifinais en Navia e en Bouzas (primeiro clasificado do grupo A contra o segundo do B; segundo do A contra o primeiro do B). O domingo pola mañá, en Navia, o terceiro e cuarto posto (10:00) e a final (12:15).

Descargar todas as imaxes