Escoitar

O 53 Concurso Internacional da Camelia de Vigo ten aberto o prazo de inscrición

O Concurso-Exposición celébrase os días 18, 19 e 20 de marzo no Auditorio Mar de Vigo e outorgará premios ao conxunto de variedades e á flor individual máis destacada de todas. O prazo de inscrición remata mañá venres 3 de marzo.

xoves, 2 mar 2017
O Concello de Vigo ten aberto ata mañá venres día 3 de marzo o prazo de inscrición para participar no concurso-exposición Internacional da Camelia que celebra a súa LIII edición entre o 18 e o 20 de marzo no Auditorio Mar de Vigo. A inscrición pode facerse no Rexistro Xeral do Concello nun impreso que se facilitará para ese fin.

Tal e como recollen as bases, que poden consultarse na web municipal www.hoxe.vigo.org, poderán concorrer todas as persoas maiores de idade, persoas físicas ou xurídicas interesadas na camelia, profesionais ou afeccionados e de calquera nacionalidade. Poderán presentarse flores de calquera especie e variedade de camelia así coma calquera híbrido destas.

Os participantes optan a varios premios: a "Camelia de ouro" para quen presente o conxunto de variedades máis destacado en canto a número e calidade das flores; o "Premio especial Antonio Odriozola" á flor individual máis destacada de todas, que se expoñerán nunha mesa separada; haberá tres premios aos mellores lotes nas modalidades de camelia reticulata e híbridos de camelia e tres premios aos mellores lotes de camelia japonica branca, japonica rosada ou doutras cores, japonica vermella, japonica xaspeada e outras especies; ademais galardoarase con dous premios á mellor presentación artística e haberá un especial que outorga a Sociedade Española da Camelia.

O certame comeza o sábado 18 de marzo e remata o luns día 20, tres xornadas de exhibición na que todas as persoas que o desexen poderán achegarse dende as 18:30 horas da tarde do sábado e ata as 21:00 horas da noite do luns ao Auditorio Mar de Vigo para contemplar os exemplares desta edición.