Escoitar

O rexedor anima á cidadanía a participar nos actos polo Día Internacional das Mulleres

O 8 de Marzo é "o día de establecer os compromisos que se teñen que manter os 365 días do ano", asegurou o alcalde de Vigo na presentación do programa de actividades (do 6 ao 17 de marzo) elaborado polo Consello Municipal da Muller, e entre os que destacan un recital de poesía e a proxección de filmes e documentais.

mércores, 1 mar 2017
1488374205muller.JPG
O alcalde, Abel Caballero, e a concelleira de Igualdade, Uxía Blanco, participaron este mércores na presentación da programación elaborada para a celebración do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, acto no que tamén tomaron parte as secretarias de Muller de CCOO e CIG, Elena Rodríguez e Rosa Chantada, respectivamente, Luz Iglesias polas Viúvas Demócratas, Carmen Ariza pola Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos e Mercedes Fernández, da Asociación de Mulleres en Igualdade.

Caballero explicou que a programación é "da maior importancia", pois o 8 de Marzo é "o día de establecer os compromisos que se teñen que manter os 365 días do ano" en materia de igualdade, e invitou á cidadanía a sumarse e participar. Blanco, pola súa banda, indicou que o goberno de Vigo afonda en funcións de información e apoio á muller e apuntou que, desde o Consello Municipal, traballa con quince colectivos de mulleres feministas de Vigo para determinar tanto as actividades previstas para esta efeméride como para todo o ano.

O programa, presentado pola secretaria da Muller de CCOO, Elena Rodríguez, comeza o 6 de marzo e finaliza o 17 do mesmo mes, e arranca cun recital aberto de poesía de xénero (o 6 de marzo ás 19 horas na Casa Galega da Cultura). Á mesma hora e no mesmo lugar, o 7 de marzo proxectarase o documental "Talleres Alonarti. Sociedad La Artística" de José Gil, e o día 9, "Dez Centímetros Máis Perto do Ceo", de Raquel Rei. O 14 de marzo, no Auditorio Municipal do Concello ás 20 horas, se emitirá o filme "As sufraxistas", de Sarah Gravon.

O 8 de Marzo se celebrará no Salón de Plenos do Concello o tradicional Pleno específico do Consello Municipal da Muller, ás 10 horas. O 11 de marzo a Praza da Princesa acollerá a Festa pola Igualdade, con contacontos para os máis pequenos ás 17:30 horas, lectura do manifesto do Consello ás 21 horas e, ás 21:15h, concerto de Uxía & Joao Gentil.

As accións conclúen o 17 de marzo coa entrega do V Premio de Igualdade "Ernestina Otero", desta volta galardoando a dona Rosa Cobo. Salvo esta proposta, que forma parte dunha cena no Hotel Coia con inscrición previa, todas as actividades teñen entrada libre ata completar o aforo.
Descargar todas as imaxes

Máis información